Inicio Galicia A Xunta rematará de aboar nos vindeiros días as axudas da PAC...

A Xunta rematará de aboar nos vindeiros días as axudas da PAC de 2019 a máis de 20.000 gandeiros e agricultores galegos

0

Os pagamentos correspóndense coas axudas directas da convocatoria que tamén regula as achegas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control


A Xunta rematará de aboar nos vindeiros días as axudas da PAC de 2019 a máis de 20.000 gandeiros e agricultores. En concreto, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, ingresaralles un montante próximo aos 24 millóns de euros, en virtude da orde do ano pasado que regula a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandaría, así como das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Os ingresos correspóndense con distintas liñas de achegas directas da PAC, entre as que destacan a de pago básico, dotada con máis de 8 millóns de euros; a de vacún de leite, con máis de 5 millóns; e o pagamento verde, polo que se aboarán máis de 4 millóns. Tamén se pagarán axudas a pequenos agricultores, a mozos que se incorporaron ao agro, así como a produtores de ovino ou caprino.

Canto á convocatoria da PAC de 2020, a Xunta ampliou o prazo de presentación de solicitudes ata o 15 de xuño, para paliar as restricións levadas a cabo por mor da emerxencia sanitaria, que impediron que moitos gandeiros e agricultores galegos se puidesen achegar aos bancos e ás entidades de aconsellamento para tramitar estas achegas.

Mentres, rematará o día 30 deste mes tanto o prazo de modificación das solicitudes únicas como o prazo de presentación das solicitudes de alegación do SIXPAC e das comunicacións da cesión de dereitos de pagamento básico.

Cabe lembrar que o pasado Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración con diferentes entidades financeiras co obxectivo de que os produtores e gandeiros galegos poidan acceder a préstamos con interese cero para percibir un anticipo das axudas da PAC deste ano.

Deste xeito, arredor de 27.000 produtores poderán solicitar estes empréstitos ata o 31 de xullo e recibir de forma inmediata unha inxección de liquidez de 210 millóns de euros. Acceder aos cartos non lles suporá ningún custo, xa que a Xunta financiará integramente a única comisión, a inicial de apertura do 1%, non só aos novos solicitantes senón tamén aos que pediran o préstamo con anterioridade.

A medida enmárcase no Plan de liquidez co que a Xunta anticipará o pago dun total de 300 millóns de euros de diferentes liñas de axudas da Consellería do Medio Rural para contribuír á economía dos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola crise sanitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre