Inicio Galicia A Xunta remata as obras de modernización da potabilizadora de Pontedeume, que...

A Xunta remata as obras de modernización da potabilizadora de Pontedeume, que a vindeira semana entrarán en servizo na súa totalidade unha vez instalados os equipos

0
image_gallery.jpg

A directora explica que Augas de Galicia realizará a próxima semana as probas para poder activar ao 100 % as actuacións de mellora acometidas na ETAP


A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou o remate das obras de modernización da potabilizadora municipal de Pontedeume, que entrarán en servizo a próxima semana na súa totalidade, unha vez que se instalen os equipos e se realicen as probas de auga.

Así o manifestou hoxe Teresa Gutiérrez nunha nova reunión da Comisión de Seguimento constituída a raíz do episodio de turbidez no río Eume, na que tamén participou o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira.

Esta Comisión está integrada por representantes de Augas de Galicia, coa participación tamén da Consellería de Medio Ambiente e do Intecmar, así coma dos Concellos de Pontedeume e Cabanas, a xestora do encoro e a concesionaria do abastecemento.

A directora explicou que Augas de Galicia está a piques de finalizar a instalación dos equipos para optimizar a planta e que a próxima semana se realizarán as probas de auga para activar ao 100 % as actuacións de mellora acometidas.

O Goberno galego está a investir 1,5 millóns de euros nestas obras de emerxencia para asegurar o abastecemento ao concello de Pontedeume e a calidade da auga no río.

A Xunta estudou varias alternativas, das que actuar na potabilizadora resultou ser a medida máis eficiente, rápida e eficaz para restablecer os parámetros da auga. Neste sentido, destínase a maior parte do orzamento a paliar as limitacións da planta municipal.

Nesta xuntanza, Teresa Gutiérrez tamén indicou que os últimos datos do seguimento exhaustivo que se vén realizando sobre a calidade da auga no encoro e no río determinan unha estabilización nos niveis de turbidez.

Sinalou que esta redución na turbidez ten permitido que a ETAP puidera traballar todos estes días e atender a demanda de abastecemento con garantías de seguridade.

Este plan de control enmárcase na intensificación do seguimento da calidade da auga que vén realizando Augas de Galicia a raíz do episodio de turbidez, ampliándose o alcance das analíticas a 2 puntos no encoro e 5 no río.

O Executivo autonómico actuou con inmediatez e contundencia, apoiando ao Concello desde o primeiro momento, coa adopción de medidas necesarias, tanto no río como na potabilizadora.

Ademais, a Xunta ten aberto un expediente sancionador á empresa que explota a presa e froito das investigacións que se están a realizar e da súa tramitación, imporánselle as sancións que resulten. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre