Inicio Galicia A Xunta remata as obras de mellora do firme, dos aparcadoiros e...

A Xunta remata as obras de mellora do firme, dos aparcadoiros e das beirarrúas nos accesos ao Hospital Provincial de Conxo

0
image_gallery.jpg

Estes traballos, que comezaron en xullo, consistiron na reposición de firme en zonas localizadas, así como no acondicionamento de beirarrúas e aparcadoiros


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora de firmes, aparcadoiros e beirarrúas nos accesos ao Hospital Provincial de Conxo.

Os traballos, iniciados en xullo, consistiron na reposición de firme en zonas localizadas, así como no acondicionamento de beirarrúas e aparcadoiros e na disposición de sinalización horizontal. Tan só resta a colocación da cartelería, que se levará a cabo nos próximos días.

A intervención está enmarcada no proxecto de mellora dos accesos aos hospitais públicos de Santiago, que contan cun investimento global duns 460.000 euros.

Neste sentido, tamén se realizaron actuacións similares na contorna do CHUS, que nos vindeiros días xa disporá de 38 novas prazas de aparcadoiro das que tres están reservadas para persoas con mobilidade reducida, no que xa se teñen levado a cabo traballos de mellora da accesibilidade das beirarrúas.

Ademais, tanto nos accesos ao CHUS como ao Gil Casares, o proxecto tamén contempla a execución da reparación de firmes.

Estas obras veranse completadas coas intervencións que se realizarán na zona do Hospital Psiquiátrico de Conxo en vindeiras semanas, consistentes no arranxo do pavimento.

O obxectivo destas actuacións é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nas contornas dos centros hospitalarios na procura de favorecer a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións.

Estes traballos foron planificados cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuación. As obras están a executarse de modo coordinado cos equipos técnicos sanitarios dos complexos, e mesmo a facerse en horario nocturno, para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre