Inicio Galicia A Xunta remata as obras da LU-124 entre Riotorto e Vilameá e...

A Xunta remata as obras da LU-124 entre Riotorto e Vilameá e completa así a mellora desta estrada, despois de investir en conxunto máis de 3 millóns de euros

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a actuación neste último treito tivo un orzamento de 604.000 euros e incluíu o acondicionamento do firme, o reforzo da sinalización e outras medidas para aumentar a seguridade 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de reforzo do firme da LU-124 no treito entre Riotorto e Vilameá (A Pontenova), coas que queda completado o acondicionamento da estrada LU-124 en todo o seu percorrido, logo dun investimento global de máis de 3 millóns de euros entre as diferentes actuacións executadas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estivo hoxe en Recesende para comprobar o resultado dos traballos realizados no tramo Riotorto-Vilameá, que se desenvolveron dende a saída da travesía de Riotorto (quilómetro 23+040) ata o final da estrada en Vilameá, na intersección coa estrada N-640 (quilómetro 29+550). Esta intervención supuxo a extensión dunha nova capa de rodaxe na vía, incluídas as travesías de Recesende e Vilameá.

Segundo sinalou o delegado territorial, a Xunta destinou un orzamento de 604.000 euros á mellora deste treito, incluídas actuacións complementarias para incrementar a seguridade, mediante o reforzo da sinalización vertical, a substitución dos postes das barreiras de seguridade e a colocación de novos tramos de sistemas de contención. A obra contemplou a construción de cunetas de formigón para a mellora da drenaxe, que ademais serven como sobreancho practicable.

Balseiro incidiu en que “estas obra de mellora da seguridade viaria na LU-124 completan as xa realizadas noutros puntos desta mesma estrada”, que conecta os concellos de Mondoñedo, Riotorto e A Pontenova, ademais de dar acceso á autovía A-8 a estes municipios e ao da Pastoriza.

Nese sentido, o delegado explicou que están finalizadas as obras de ampliación da calzada e extensión dun novo aglomerado no treito entre Lindín e A Cruz da Cancela, con 1.800.000 euros de investimento. Estas melloras, dixo Balseiro, súmanse ás executadas no ano 2015 no treito entre Mondoñedo e Lindín, cun investimento de 770.000 euros.

O delegado territorial resaltou que a seguridade viaria é prioritaria para o Executivo autonómico, e por iso “fai un importante esforzo en destinar recursos para manter as estradas autonómicas en boas condicións”.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre