Inicio Galicia A Xunta remata a súa viaxe a Bolivia cunha visita aos municipios...

A Xunta remata a súa viaxe a Bolivia cunha visita aos municipios beneficiarios dun programa para fomentar o sector agrícola

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, visitou algunhas das actuacións do Programa de Desenvolvemento Socioeconómico Territorial levadas a cabo na Mancomunidade de Gran Potosí


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acompañado pola subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, rematou hoxe a súa visita a Bolivia na que durante estes días coñeceu os distintos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo no país e apoiados pola Xunta. Na súa última xornada coñeceron as actuacións executadas pola ONGD Fundación Cume para o Desenvolvemento de Culturas e Pobos no marco do Programa de Desenvolvemento Socioeconómico Territorial da Mancomunidade do Gran Potosí, centrado no fomento do sector agrícola e, en concreto, da produción de faba.

O IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021 inclúe a Bolivia como país prioritario para a Cooperación Galega, ao igual que os plans directores anteriores. Desta forma, nos últimos anos este país contou coa posibilidade de acceder a distintas convocatorias de axudas dirixidas a sectores como a agricultura, o desenvolvemento produtivo, a educación e a saúde.

Durante a visita de hoxe aos diferentes núcleos nos que se desenvolveu o programa, a delegación galega comprobou in situ os resultados das accións promovidas pola Fundación Cume xunto co seu socio local, a Fundación Intercultural Nor Sud, destinadas a fortalecer a capacidade produtiva e posicionar a faba producida nos municipios da manconumidade nos mercados convencionais e do comercio xusto. A través desta iniciativa acadouse a implicación dos gobernos municipais de Puna, Betanzos, Chaquí, Caiza D, Yocalla e Tinguipaya da Mancomunidade Gran Centro Potosí, para incluír a cadea da faba como prioridade nos programas de fomento do sector agrícola.

Así, a participación dos actores locais, rexionais e departamentais do sector público e privado contribuíu a reducir a pobreza nos seis municipios citados e mellorar as condicións de vida de máis de 2.600 familias que viven da produción da faba e que obtiveron, grazas a este programa, maiores ingresos pola venda deste produto a nivel rexional e departamental.

Algunhas das medidas do programa que conseguiron maiores beneficios foron as relacionadas co investimento para a implantación de sistemas de rega ou terrazas, así como para equipar os centros de provisión e potenciar a certificación de parcelas de produción de faba orgánica en base ás normas básicas de exportación e Boas Prácticas Agrícolas.

Nestes días de visita en Bolivia, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE tamén coñeceu outros proxectos de cooperación para o desenvolvemento en Santa Cruz de la Sierra promovidos pola Asociación 1º de Maio co obxectivo de mellorar a asistencia sanitaria no Hospital Universitario Hernández Vera e de ampliar a oferta educativa da Escola técnica-integral San Alonso para mellorar a empregabilidade dos seus alumnos.

Ademais, na xornada de onte a delegación galega comprobou nas unidades educativas de Cucuri e San Juan de Horcas, no municipio de Poroma, as melloras que se están a implantar no marco do proxecto financiado pola Cooperación Galega á ONGD Fundación Fabre, para a mellora da dispoñibilidade dos recursos básicos para o acceso á educación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre