Inicio Galicia A Xunta remata a instalación de balizas de separación de sentidos de...

A Xunta remata a instalación de balizas de separación de sentidos de circulación na vía de alta capacidade entre Sarria e Monforte

0

As tarefas estendéronse ao longo de case 18 quilómetros nos treitos con liña continua en ambos os sentidos


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de concluír unha nova medida de reforzo da seguridade viaria na vía de alta capacidade entre Sarria e Monforte, co remate dos traballos de instalación de balizas de separación entre sentidos de circulación.

Esta actuación ten por obxectivo acadar o incremento da atención dos condutores sobre o feito de que están a circular por unha vía de dobre sentido e a necesidade de adaptar a condución a esa circunstancia.

A intervención foi executada polo servizo de conservación de estradas da Xunta en Lugo, e estendeuse ao longo de case 18 quilómetros. As tarefas centráronse nos treitos onde existía liña continua en ambos os sentidos, polo que non se reduciron as posibilidades de adiantamento actuais. Os traballos incluíron o pintando no eixe da vía dunha dobre liña branca con resaltos e liña intermedia de cor verde, reducindo lixeiramente o ancho dos carrís de circulación, o cal axuda a moderar a velocidade no traxecto e facilita a mellor percepción da separación entre sentidos de circulación.

Co mesmo obxectivo de redución da velocidade, instaláronse 390 captafaros e 641 balizas verticais no eixo da calzada, flexibles, durables e que soporten eventuais impactos dos vehículos. O efecto para os condutores é así de certa separación física de sentidos de circulación, con bos efectos sobre a seguridade viaria, como xa se ten constatado cando se implantaron noutras estradas como a CG-1.5, entre Brión e Noia.

A intervención completouse coa disposición de resaltos sonoros nas liñas brancas do eixo.

Esta medida adoptouse nun treito de vía que ten uns índices de perigosidade menores que os do conxunto da rede autonómica de estradas na provincia de Lugo e en toda Galicia. O número de accidentes con vítimas neste treito é reducido, pero o feito de que cando se producen teñan consecuencias graves levou a tomar a decisión de levar a cabo esta mellora e reforzo da seguridade. Con esta intervención a Xunta de Galicia segue avanzando na mellora da seguridade viaria desta estrada cunha obra complementaria ao desdobramento da VAP: a contratación da 1ª fase de desdobramento iniciada para o treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre