Inicio Galicia A Xunta remarca que Galicia é a única comunidade que concede axudas...

A Xunta remarca que Galicia é a única comunidade que concede axudas periódicas ás vítimas da violencia de xénero

0
image_gallery.jpg

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu hoxe ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para presentar o Informe anual 2019 de violencia de xénero en Galicia


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu hoxe ante a Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego no Parlamento de Galicia para presentar o Informe anual 2019 de violencia de xénero na Comunidade autónoma, así como os informes de violencias sexuais 2019 e de axudas económicas periódicas para mulleres vítimas da violencia de xénero.

Galicia é a única comunidade que proporciona apoio económico periódico ás mulleres vítimas da violencia de xénero co obxecto de garantir a súa independencia económica. Tal e como destacou a secretaria xeral da Igualdade, a finalidade destas axudas consiste en tentar de garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor ou da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación, neste último caso, para as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. Trátase “de tentar de axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo”, apuntou López Abella.

O número de beneficiarias das axudas periódicas ascendeu en 2019, segundo recolle o informe, a 577 mulleres, o 75,5% de nacionalidade española, o 52% con fillos e a maior parte delas con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos. De todas elas, destacou a secretaria xeral, 52 son mulleres con discapacidade. Para este ano 2021 está previsto manter a dotación orzamentaria de catro millóns de euros que garante a cada unha das perceptoras arredor de 600 euros mensuais de axuda.

As prestacións periódicas súmanse a outras liñas de axuda como o pagamento único, do que se beneficiaron 188 mulleres en 2019 (97 máis que en 2018). Tamén se outorgan indemnizacións económicas dirixidas a fillas e fillos menores de 30 anos das falecidas por violencia de xénero -que dependeran economicamente da nai e/ou do pai agresor- e apoios dirixidos ás mulleres que resultaron gravemente feridas nas agresións. En ambos os dous casos concedéronse cinco axudas este ano de 7.000 euros cada unha, no marco das actuacións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Na súa intervención no Parlamento, a secretaria xeral da Igualdade, tivo un recordo para as 3 mulleres asasinadas en Galicia no ano 2019, ao que fai referencia o informe presentado, 2 delas en Valga (Pontevedra) e a terceira en Vilalba (Lugo). Nos casos de Valga, lembrou, non se producira denuncia previa nin existía orde de protección.

Tamén se referiu López Abella ás ordes de protección e denuncias por violencia de xénero, que ascenderon en 2019 a 2.022 e 6.651 respectivamente, reflectindo certa estabilidade respecto da anualidade anterior. A Xunta exerceu, ademais, a acción popular en 17 procedementos penais en casos de morte por violencia de xénero ata 2019.

Entre as actuacións detalladas nos informes en relación coa sensibilización e activación de programas para mulleres en situación de vulnerabilidade, a secretaria xeral apuntou que en 2019 se concederon axudas económicas por valor total de 1,7 millóns de euros a 58 asociacións, a 36 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a 113 Anpas, para a financiación de actividades de promoción da igualdade e a prevención de actitudes violentas.

Algo máis de 1,3 millóns destináronse, por outra banda, a axudas para que as asociacións locais galegas contratasen a mulleres vítimas de violencia machista. Doce concellos percibiron as axudas que permitiron contratar a 77 empregadas, ás que se suman outras 311 beneficiarias de programas de inserción promovidos por entidades sen ánimo de lucro e outras 15 que conseguiron emprego grazas ao plan da Xunta para a súa incorporación ao ámbito agroforestal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre