Inicio Galicia A Xunta reitera o seu compromiso coas persoas con síndrome de down...

A Xunta reitera o seu compromiso coas persoas con síndrome de down ao abeiro do proxecto ‘CapacitARTE’ do Cermi Galicia

0

A responsable autonómica garantiu o compromiso do Goberno galego coa integración deste colectivo a través da reserva de prazas nas ofertas de emprego público e o incremento nun 5% dos convenios de colaboración coas entidades que traballan neste ámbito, entre outras medidas

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, inaugurou esta mañá a mostra ‘Así somos. Así o facemos’ de Down Galicia, que ata o vindeiro día 14 do presente mes de maio estará colgado no espazo da pirámide do edificio da Xunta de Galicia en San Caetano. A exposición está formada por unha vintena de fotografías e texto explicativo que reflicte o día a día deste colectivo, así como as actividades e programas que se desenvolven baixo o paraugas desta federación.

No acto tamén participou o presidente de Down Galicia, así como o responsable do Comité Español de Persoas con Discapacidade na comunidade (Cermi-Galicia), Iker Sertucha. A mostra enmárcase na campaña “CapacitARTE” que se está a desenvolver nas instalacións de San Caetano e que consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que forman parte do Cermi-Galicia. O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade ás persoas con distintas capacidades, ao mesmo tempo que o movemento asociativo pode contar dunha maneira máis exhaustiva o labor que fan.

Na súa intervención, Fabiola García felicitou a Down Galicia polo traballo que desenvolve a prol da plena integración, que está documentado na mostra que hoxe se abriu de maneira oficial, aínda que as instantáneas xa se poden ver dende fai uns días no espazo de San Caetano. “Detrás destas imaxes está todo o traballo, esforzo, dedicación e afán de superación que cada día amosa este colectivo”, apuntou.

Ademais, a directora xeral garantiu o compromiso da Xunta de Galicia de contribuír á inclusión real e á igualdade de oportunidades das persoas con Down a través de novas convocatorias de emprego público para persoas con discapacidade intelectual, favorecendo nos criterios de licitación de servizos a aquelas entidades e empresas sociais nas que este colectivo supoña un número importante do seu persoal e aumentando nun 5% os convenios de colaboración con todas as asociacións que actúan no ámbito da discapacidade. Nesta liña, avogou por “continuar traballando man con man coas entidades, seguido sempre ao carón delas facilitándolles os recursos que precisan para que poidan levar a cabo mellor a súa tarefa”.

Por último, Fabiola García recordou que a Xunta de Galicia ten entre as súas prioridades sociais avanzar na procura da igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal. Froito deste compromiso, en 2018 incrementáronse nun 8%, os orzamentos destinados ás persoas con discapacidade, ata situarse nun total de preto de 103 millóns de euros.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre