Inicio Galicia A Xunta reitera o seu compromiso coa renovación do saneamento en Santiago...

A Xunta reitera o seu compromiso coa renovación do saneamento en Santiago e lamenta que a solución se atrase ata 2025 e se perdan os fondos europeos

0

A Consellería de Infraestruturas aposta por definir o antes posible un plan de actuación que concrete unha alternativa viable desde o punto de vista técnico, económico e ambiental para garantir a calidade das augas do río Sar

A Xunta de Galicia reiterou hoxe a súa vontade de implicación na renovación do sistema de saneamento e depuración de Santiago de Compostela e lamentou que a solución se atrase ata polo menos 2025, confirmándose a perda dos fondos europeos que o Goberno de España prevía destinar a esta actuación.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantiveron esta tarde unha reunión co director xeral da Auga do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Manuel Menéndez, e co alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Nesa xuntanza, a conselleira manifestou a fonda preocupación do Goberno galego polo mal funcionamento do actual sistema de saneamento e depuración de Santiago de Compostela, que está a prexudicar a calidade das augas do río Sar.

Os representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica trasladaron que, ante o rexeitamento municipal ao proxecto previsto para a execución dunha nova depuradora do Souto, a alternativa de ampliar a actual estación da Silvouta suporía empezar as obras, no mellor dos casos, a mediados do ano 2022. Así, tal e como trasladaron os responsables da Administración central, a posta en servizo do novo sistema non podería producirse antes de finais de 2025.

Leer más:  'Contra vento e marea' es una oda a la superación creada por Rebeliom do Inframundo y Fillas de Cassandra

Con ese horizonte temporal, o Ministerio para a Transición Ecolóxica considera inviable que a actuación poida financiarse cos fondos do actual programa operativo Feder 2014-2020, que teñen de prazo máximo de execución o 2023.

Por ese motivo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade demandou que eses fondos comprometidos queden en Galicia e se destinen a atender outras necesidades na Comunidade.

A Consellería de Infraestruturas apostou por traballar para definir o antes posible un plan de actuación que concrete unha alternativa viable desde o punto de vista técnico, económico e ambiental para garantir a calidade das augas do río Sar.

A ese respecto, a Xunta mantén as súas reservas técnicas sobre a tecnoloxía proposta polo Concello de Santiago para a ampliación da depuradora da Silvouta. 


- Te recomendamos -