Inicio Galicia A Xunta reitera a súa disposición e interese en acadar unha solución...

A Xunta reitera a súa disposición e interese en acadar unha solución xurídica sobre a dragaxe da ría do Burgo que non implique parar indebidamente a actividade marisqueira

0

A Consellería de Infraestruturas dirixiuse ata en catro ocasións nas últimas semanas ao secretario de Estado de Medio Ambiente solicitando unha reunión e demandou a convocatoria inmediata dun encontro entre os servizos xurídicos sen obter resposta

A Xunta de Galicia reiterou hoxe ante o Goberno de España a súa disposición e o seu interese en manter de forma inmediata unha xuntanza xurídica sobre a dragaxe da ría do Burgo coa fin de que o Goberno de España licite as obras canto antes.

A Asesoría Xurídica Xeral da Administración autonómica xa está en contacto coa Avogacía do Estado para acadar unha solución xurídica sobre a dragaxe da ría do burgo que non implique parar indebidamente a actividade marisqueira meses antes do comezo das obras.

A Xunta reitera así os seus continuos chamamentos ao Goberno de España a abordar a dragaxe da ría do Burgo nun novo encontro co obxectivo de procurar conxuntamente solucións para impulsar definitivamente a dragaxe da ría.

Esta actuación, de competencia estatal, dispón dun proxecto con declaración de impacto ambiental, conta con fondos consignados nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor (os do ano 2018) e con fondos europeos reasignados para o seu cofinanciamento. Os servizos xurídicos da Xunta acreditaron nun informe remitido ao Goberno de España que a actividade marisqueira actual na zona non é impedimento para a licitación da dragaxe, toda vez que os terreos son de titularidade estatal e que existe un compromiso cerficado por parte da confraría de pescadores e por parte da Consellería do Mar de paralizar a extracción cando comecen as obras.

Nas últimas semanas a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, dirixiuse ata en catro ocasións á Secretaría de Estado de Medio Ambiente demandando a celebración dunha xuntanza, unha solicitude que non foi atendida.

Unha vez que o Goberno de España trasladou a súa postura a favor de que a cuestión se abordase nun encontro de carácter estritamente xurídico, a Xunta de Galicia solicitou que se fixase data para esa reunión o antes posible. A Asesoría Xurídica do Goberno galego xa se puxo en contacto coa Avogacía Xeral do Estado en Madrid.

O informe elaborado pola Asesoría Xurídica da Xunta e trasladado ao Goberno central o pasado mes de agosto é claro e avala que non existe impedimento algún en canto á dispoñibilidade dos terreos, que son de titularidade estatal, para que o Goberno español poida licitar xa a actuación.

Os servizos xurídicos da Administración autonómica defenden que non hai fundamento legal para suspender a actividade marisqueira durante a licitación do contrato, que pode prolongarse durante varios meses, xa que esta se pode levar adiante sen prexudicar innecesariamente aos profesionais do mar, privándoos do que é o seu medio de vida durante máis tempo do estritamente necesario para executar as obras.

A Xunta considera preciso que o Estado certifique a existencia do crédito necesario e suficiente para poder executar as obras, ofrecendo garantías orzamentarias de que pode acometer as actuacións de dragaxe da ría do Burgo, da súa competencia. Esta certificación por parte do Goberno español contribuiría a despexar dúbidas sobre se dispón dos fondos propios necesarios para a cofinanciación da actuación e da liquidez esixida para adiantar os cartos da confinanciación europea.

Neste sentido, lamenta a falta de ánimo construtivo do delegado do Goberno, que hoxe convocou aos concellos da ría a unha xuntanza na que non se abordaron avances nin solucións para licitar as obras dunha actuación urxente e necesaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre