Inicio Galicia A Xunta reinvestirá no sector marítimo-pesqueiro o importe sobrante das axudas destinadas...

A Xunta reinvestirá no sector marítimo-pesqueiro o importe sobrante das axudas destinadas ao marisqueo a pé para compensar a súa inactividade pola covid-19

0

A conselleira do Mar aclarou no Parlamento que é unha obriga legal facelo, xa que o destino dos cartos contidos no Fondo Europeo Marítimo e de Pesca ten que ser o sector e dentro del os diferentes subsectores como o marisqueo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, aclarou hoxe no Parlamento que a Xunta reinvestirá no sector marítimo-pesqueiro o importe sobrante das axudas destinadas ás mariscadoras e mariscadores a pé que se viron afectados polo cese temporal da actividade como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido subliñou que isto é un feito, pois así o establece a normativa europea que especifica que o destino das cantidades do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) ten que ser o sector e dentro del os diferentes subsectores como o marisqueo.

Esta obriga legal de gastar no sector os cartos do fondo sectorial que o apoia, engadiu a titular de Mar, foi referendada pola aprobación dunha proposición non de lei na pasada sesión da Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo. Ademais a conselleira clarificou distintas cuestións relacionadas coas achegas ao marisqueo trala alerta sanitaria da covid-19. Nesta liña, en relación ás do Goberno central, explicou que “as supostas axudas xeradas polo Instituto Social da Mariña son, en realidade, prestacións por cese de actividade”, é dicir, un dereito das persoas traballadoras que cotizan ao Réxime Especial do Mar.

A conselleira tamén lembrou que as axudas estatais dirixidas aos buques e tripulantes que paralizaron temporalmente a actividade durante a etapa do estado de alarma inclúen ao marisqueo a flote, pero non ao marisqueo a pé. Por iso, sinalou Rosa Quintana, “na Xunta empezamos a traballar desde o primeiro momento tanto diante de Madrid coma de Bruxelas para que o marisqueo a pé entrase nas axudas do FEMP e para acceder ao cese de actividade”. O obxectivo deste traballo era o de conseguir xerar rendas directas e proporcionais aos ingresos que obteñen os mariscadores.

En relación ás axudas proporcionais, a conselleira lembrou que a Xunta puxo máis de 5 millóns de euros a disposición dos profesionais de marisqueo a pé que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia e non puideron beneficiarse da prestación por cese de actividade habilitada trala declaración do estado de alarma. Esta contía procedente do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca asignado a Galicia e de fondos propios da Xunta está incluída no plan Avantemar de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro coa finalidade de apoiar aos profesionais do sector marisqueiro que non se vían beneficiados polas medidas deseñadas polo Executivo estatal.

En canto ao importe dos apoios por día de inactividade que abarcan estas axudas ao marisqueo a pé, Rosa Quintana lembrou que oscilan entre os 57 e os 91 euros en función de se é marisqueo a pé xeral ou a pé de recursos específicos e que están por enriba dos 50 euros diarios que o Executivo central pretendía establecer de xeito xeral para este colectivo. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre