Inicio Galicia A Xunta reforzará o control da calidade das masas de auga en...

A Xunta reforzará o control da calidade das masas de auga en Galicia coa utilización de vehículos non tripulados que permitirán mellorar a preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros

0

Ethel Vázquez explica que o sistema se enmarca no proxecto MAR-2, cun investimento autonómico de 2,5 M€ na compra pública innovadora dun servizo de automatización de mostraxes de auga con drons

A Xunta de Galicia reforzará o control de calidade da masas de auga na comunidade coa utilización de vehículos non tripulados que permitirán a mellor preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presenciaron hoxe as probas cun dron que tomou mostras no encoro de Eiras.

Ethel Vázquez explicou que se trata do proxecto de mostraxes oceanográficas MAR-2, no que colaboran distintos departamentos da Xunta, entre eles, Augas de Galicia, coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Consellería de Industria.

Sinalou que este proxecto, cun investimento de 2,5 millóns de euros, permitirá contratar solucións, mediante compra pública innovadora, dun servizo de automatización de mostraxes das masas de auga coa utilización de vehículos non tripulados.

Subliñou que grazas a este sistema, distintos departamentos da Xunta responsables do control das masas de auga -Augas de Galicia, a Consellería do Mar, o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia-, contarán cun servizo mellorado de mostraxe e recollida de datos.

Precisou que esta iniciativa optimizará o importante labor que xa vén realizando Augas de Galicia, en colaboración co Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, para o seguimento da calidade das augas na demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Puxo como exemplo o encoro de Eiras, na que se realizan preto de 700 analíticas anuais para controlar e garantir a calidade da auga destinada ao abastecemento da poboación.

Indicou que os medios que se empregarán serán tanto aéreos, para tomar mostras en encoros ou ríos; como acuáticos, pequenos barcos non tripulados que faciliten a recollida de mostras no mar e nas zonas costeiras.

Salientou que estas novas tecnoloxías optimizarán os recursos dispoñibles para o control sistemático das masas de auga da comunidade. Precisou que se poderán recoller mostras en lugares de difícil acceso e se incrementarán as posibilidades de realizar os controis da auga.

Fixo fincapé en que se mellorará a capacidade e o tempo de resposta ante posibles vertidos aos ríos e ao mar ou ante situacións de emerxencia que poidan afectar ás actividades da pesca, a acuicultura ou o marisqueo.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou o valor da innovación como garantía de crecemento e competitividade, contribuíndo a desenvolver solucións prácticas que responden ás necesidades da cidadanía e dos sectores produtivos, como o propio proxecto MAR-2.

Conde salientou a importancia de incentivar o sector aeroespacial en Galicia, unha aposta cristalizada na actividade do Polo Aeroespacial que, mediante a colaboración público-privada, ten logrado 164 millóns de investimento para desenvolver máis de 35 proxectos de I+D+i (incluíndo o proxecto MAR-2 presentado hoxe), xerando á súa vez preto de 400 postos de traballo.

O titular de Economía, Emprego e Industria eloxiou a madurez tecnolóxica que ten alcanzado a Comunidade galega, e chamou a reforzar ese momento a través da Compra Pública Innovadora, asegurando e potenciando adquisicións que estimulen respostas innovadoras no seo da sociedade.

Segundo Conde, isto garantirá unha transición tecnolóxica necesaria para Galicia, mellorando a eficacia dos servizos públicos e contribuíndo á diferenciación e á melloría na competitividade das empresas galegas.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre