Inicio Galicia A Xunta reforzará a seguridade viaria na intersección de Landrove, en Viveiro

A Xunta reforzará a seguridade viaria na intersección de Landrove, en Viveiro

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se colocarán novos sinais e balizas no cruzamento entre las estradas LU-540 e LU-161


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá unha actuación integral de mellora da sinalización e o balizamento na intersección entre as estradas LU-540 e LU-161 á altura de Landrove (Viveiro) para reforzar a seguridade na circulación por esta zona.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a medida busca incrementar a percepción dos condutores do deseño do cruzamento e das manobras ou movementos que deben facer cos vehículos para dirixirse aos distintos destinos dende este punto, no que conflúe a vía de Viveiro a Cabreiros (LU-540) coa estrada de Landrove a Ferreira do Valadouro (LU-161).

Con esa finalidade, a Axencia Galega de Infraestruturas mellorará a sinalización vertical de regulamentación e a de orientación -carteis e sinais de frecha-, así como a sinalización horizontal e as medidas de balizamento, coa instalación de balizas diverxentes e balizas delimitadoras das isletas.

Balseiro apuntou que está previsto instalar a nova sinalización ao longo do mes de decembro. Segundo precisou, esta actuación financiarase con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade da Zona Norte da provincia de Lugo.

O delegado engadiu que con esta medida está previsto aumentar as condicións de seguridade e comodidade na circulación por esta zona, moi transitada e que comunica, entre outros puntos, o núcleo urbano de Viveiro coa parroquia de Chavín.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre