Inicio Galicia A Xunta reforzará a seguridade viaria na estrada PO-308 entre Fontenla e...

A Xunta reforzará a seguridade viaria na estrada PO-308 entre Fontenla e Samieira, en Poio con actuacións complementarias ás das sendas peonís previstas

0

O Goberno galego executará unha glorieta de acceso ao Porto de Combarro e dotará de senda ou beirarrúa toda a travesía deste núcleo

A Xunta reforzará a seguridade viaria na estrada autonómica PO-308 entre Fontenla e Samieira, no concello de Poio, a través de actuacións complementarias á construción das sendas peonís previstas nas marxes da vía. Esas actuacións permitirán atender en gran medida as solicitudes feitas públicas polos veciños da zona.

Esas obras complementarias suporán importantes melloras con respecto aos proxectos de construción das sendas que foron sometidos a información pública a finais do pasado ano 2018.

No tocante ao proxecto da senda peonil prevista na estrada PO-308 entre Combarro-Chancelas e Samieira, as melloras suporán prolongar a senda da marxe dereita, de forma que ao longo de toda a Travesía de Combarro existirá senda ou beirarrúa para efectuar os desprazamentos a pé en condicións de seguridade.

Para mellorar a seguridade nesa zona executarase unha glorieta de acceso ao porto de Combarro, que contará con pasos de peóns a ambos os dous lados. Ademais, disporase un novo paso de peóns no punto quilométrico 7+640 en Chancelas e manterase o do punto quilométrico 7+900.

En relación coas obras previstas entre Fontenla e Combarro, tamén se executará unha nova senda peonil entre os puntos quilométricos 3+500 e 3+60, é dicir, entre a rotonda da VG-4.8 e o acceso ao Instituto de Poio, cuxa intersección se mellorará, ao igual que o cruce do punto quilométrico 3+770.

Acometerase, tamén unha glorieta de acceso á Seca, no punto quilométrico 3+930, e se habilitará un paso de peóns nesa mesma zona. Na vía municipal de acceso á Seca executarase unha senda peonil desde a intersección do punto quilométrico 4+350.

Prevese, igualmente, unha nova glorieta no punto quilométrico 5+020 da estrada, que se dotará de pasos peonís a ambos lados e se habilitará un máis no punto quilométrico 4+420.

A Xunta decidiu acometer estas melloras sobre os traballos inicialmente previstos a raíz das alegacións recibidas durante o proceso de información pública ao que someteu o pasado ano o proxecto das sendas entre Fontenla e Combarro e entre Combarro, Chancelas e Samieira. Actualmente está a ultimarse a redacción dun proxecto complementario para acometer as obras complementarias de mellora da seguridade viaria.

Esas obras enmárcanse na mellora integral que está a impulsar a Xunta de Galicia da estrada PO-308, onde en total se executarán máis de 15 quilómetros de novas sendas, 3 delas localizadas no Concello de Poio: Fontenla-Combarro, Combarro-Chancelas–Samieira e O Covelo-Raxó, que está actualmente en execución.

Ademais, como actuación complementaria a esta última senda, tamén se está a executar unha obra de mellora da seguridade viaria nese treito da estrada, como se fará nos seguintes treitos.

A pesar de tratarse de actuacións de indubidable interese municipal e de que o Concello trasladara previamente o seu compromiso de colaboración con estas obras, foi a Xunta de Galicia a que tivo que realizar sen a súa colaboración a adquisición dos terreos e a financiación das obras.

Tan só nas obras de senda e mellora de seguridade viaria no treito O Covelo–Raxó, a Xunta mobilizou un investimento de 4,25 M€. Estas obras rematarán neste mesmo ano 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre