Inicio Galicia A Xunta reforza os recursos dirixidos ao rural para que as familias...

A Xunta reforza os recursos dirixidos ao rural para que as familias non teñan que elixir entre conciliar e vivir na súa parroquia

0

Amparo González subliña a implicación de todos os departamentos do Goberno galego nas políticas demográficas da Comunidade

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, explicou que o Goberno galego achega cada día máis recursos ao rural para que as familias non teñan que escoller entre conciliar e vivir na súa parroquia. Fíxoo durante a súa intervención nas Xornadas sobre Desenvolvemento Rural e Turismo que hoxe comezaron na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e que rematarán o próximo venres, onde tamén subliñou a implicación de todos os departamentos da Xunta de Galicia nas políticas demográficas.

Amparo González sinalou o éxito de medidas como a trintena de Casas do Maior e as 60 Casas Niño que están en funcionamento na actualidade, a ampliación da Tarxeta Benvida nun 25% para as familias que viven no rural ou o programa RedMay, o autobús de coidados porta a porta que achega aos maiores servizos de podoloxía e optometría.

Neste sentido, recordou que nos orzamentos do vindeiro ano refórzanse estas medidas. As Casas Niño, pequenas escolas infantís para un máximo de cinco cativos en concellos de menos de 5000 habitantes, estenderanse ao 100% dos municipios que non teñan un recurso de conciliación. Ademais, ampliarase o RedMay a 200 municipios galegos e rematarase a lexislatura con 60 Casas do Maior, recursos coa mesma filosofía que as Casas Niño pero destinadas aos maiores.

A directora xeral de familia destacou tamén a pioneira Lei de Impulso Demográfico, que recolle medidas como políticas activas de emprego orientadas á poboación dos concellos pequenos, incentivos ao desenvolvemento ou de bonificacións impositivas autonómicas no medio rural. Tamén sinalou a decisión histórica de que as escolas infantís sexan gratuítas para os segundos fillos e sucesivos.

Oportunidades para as mulleres do ruralPola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou, durante a presentación do módulo “Mulleres liderando no mundo rural”, a necesidade de fomentar a visibilidade das mulleres do rural e garantirlles igualdade de oportunidades no acceso ao emprego. Tamén avogou por impulsar a súa capacidade para emprender e fomentar condicións que faciliten a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes. Nesta liña, o VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2020 da Xunta aposta polo desenvolvemento profesional das mulleres do rural como motor de crecemento económico dos seus concellos, pola redución da fenda dixital no uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), así como no apoio ao empoderamento mediante a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do sector agroalimentario e a través do movemento asociativo feminino co obxectivo de incrementar o protagonismo feminino na toma de decisións no rural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre