Inicio Galicia A Xunta reforza a súa aposta pola economía social destinando un 33%...

A Xunta reforza a súa aposta pola economía social destinando un 33% máis en 2020 ao impulso do emprego e a formación neste eido

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro con representantes do Foro pola Economía Social Galega, integrado polas organizacións máis representativas deste ámbito


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro con representantes do Foro pola Economía Social Galega, que está integrado polas organizacións máis representativas do sector, que a Xunta reforza a súa aposta pola economía social incrementando nun 33% o orzamento para 2020 neste eido, ata chegar a máis de 27 millóns de euros.

A xuntanza serviu para intercambiar propostas e avaliar novas vías de colaboración para seguir fortalecendo un sector que en Galicia aglutina a 3000 entidades e emprega a 15.000 persoas, representando un 10% do PIB. Así, Conde trasladoulles que ao longo do ano que vén se poñerán en marcha diferentes medidas para impulsar as cooperativas, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral.

Estas iniciativas, que dan continuidade a medidas xa existentes e que introducen novos programas, irán encamiñadas a impulsar o emprendemento, a creación de postos de traballo, o emprego inclusivo e a formación neste ámbito, ademais de contribuír a difundir estas fórmulas empresariais entre a sociedade.

Enmárcanse na primeira Estratexia galega de economía social, que a Xunta puxo en marcha este ano para continuar favorecendo o crecemento e a consolidación do sector. A finalidade desta folla de ruta, que foi consensuada tras un proceso participativo coas entidades máis representativas, é crear novas oportunidades de negocio en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. En concreto, a previsión é que en Galicia se poidan constituír 300 novas entidades e xerar 3000 empregos.

O Foro pola Economía Social Galega está integrado polas organizacións máis representativas do sector en Galicia: a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA); a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborales de Galicia (Aesgal); a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca); a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal); e a Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre