Inicio Galicia A Xunta reforza a formación en administración electrónica dirixida ao persoal empregado...

A Xunta reforza a formación en administración electrónica dirixida ao persoal empregado público de Galicia

0
image_gallery.jpg

A Escola Galega de Administración Pública iniciou hoxe unha nova edición do curso superior de administración electrónica


Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020.- Esta mañá a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu a primeira sesión presencial do Curso superior de administración electrónica, unha actividade dirixida a afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, nesta materia, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións da comunidade autónoma. Esta formación de carácter semipresencial terá unha duración de 114 horas e vai dirixida en exclusiva ao persoal empregado público de Galicia.

O curso foi inaugurado por Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP, e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. Durante a súa intervención, a directora do organismo incidiu na necesidade de ofrecer unha formación actualizada e de calidade aos empregados da Xunta de Galicia sobre as ferramentas dixitais da Administración coa finalidade de ofrecer un servizo eficiente á cidadanía, especialmente relevante no momento actual para dar resposta ás necesidades creadas pola covid-19.

Ademais, a directora da Escola destacou esta materia como esencial debido á progresiva transformación do sector público a un modelo integramente dixital e aos cambios derivados da aprobación da Lei 39/2015, a cal sentou as bases dun aparato administrativo que lle asegura á cidadanía a posibilidade de relacionarse cos organismos públicos a través de medios electrónicos, poñendo á disposición das persoas interesadas todas as canles de acceso que sexan precisas así como garantindo o dereito a recibir asistencia no seu uso por parte dos empregados públicos.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos incidiu no esforzo levado a cabo na Escola nos últimos anos por incrementar a actividade neste eido a través de cursos superiores coma o iniciado hoxe, do plan de formación anual ou da iniciativa Universo EGAP innova, a cal recibiu recentemente o premio á innovación didáctica na formación outorgado polo Instituto Nacional de Administración Pública.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre