Inicio Galicia A Xunta reduce a un só exercicio as oposicións para 305 prazas...

A Xunta reduce a un só exercicio as oposicións para 305 prazas de auxiliares de clínica, que se convocan hoxe no DOG

0

As persoas que acrediten o Celga 3 ou equivalente quedarán exentas do segundo exercicio, cuxa finalidade é evidenciar o coñecemento do galego


As oposicións para cubrir 305 prazas de auxiliares de clínica, que hoxe convoca o Diario Oficial de Galicia (DOG), terán un procedemento máis áxil, ao contar cun só exercicio de carácter obrigatorio e eliminatorio. A Consellería de Facenda introduce este cambio respecto a anteriores convocatorias co obxectivo de axilizar todo o proceso, o que permitirá que as persoas que acaden unha praza de emprego fixo accedan antes á Administración autonómica.

Ademais desta proba obrigatoria, a convocatoria tamén inclúe unha segunda proba para evidenciar o coñecemento do galego, similar á que se realiza de xeito ordinario nas convocatorias de emprego público da Xunta. Desta proba quedarán exentas todas as persoas que acrediten o certificado Celga 3 ou equivalente.

O primeiro exercicio, obrigatorio e eliminatorio, consistirá en contestar un cuestionario de 80 preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das que 20 corresponderán á parte común do programa e 60 á parte específica. Cada pregunta contará con catro respostas alternativas, das que só unha será a correcta. A realización deste primeiro exercicio non poderá ter lugar antes dos sete meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

A segunda proba –para demostrar o coñecemento do galego-, consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 30 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas, das que só unha delas será a correcta. O cuestionario deberá recoller, obrigatoriamente, contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua -léxico, sintáctico e gramatical- correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Unha vez rematadas as probas correspondentes á fase de oposición, a Xunta de Galicia procederá a avaliar os méritos que acredite cada aspirante, toda vez que esta convocatoria realízase a través do sistema de concurso-oposición.

Prazo de 20 días para apuntarseAs oposicións convocadas hoxe no DOG son as primeiras que realiza a Xunta de Galicia para auxiliares de clínica desde o ano 2006, e as persoas que acaden unha praza traballarán en centros de política social, de atención a maiores e de dependentes. A cifra de prazas ofertadas multiplica por seis a cifra da anterior convocatoria, na que se ofertaran 52.

A convocatoria establece que 76 das prazas se reserven para a quenda de promoción interna que, de non seren cubertas, acumularanse ás de acceso libre. Haberá igualmente 21 prazas reservadas para persoas con discapacidade, que tamén se acumularán ás de acceso libre no caso de non seren cubertas.

As persoas que queiran apuntarse nesta convocatoria teñen un prazo de 20 días hábiles, que empezará a contar a partir de mañá. As oposicións son de acceso libre e, polo tanto, poderase presentar calquera persoa que cumpra os requisitos establecidos na convocatoria.

As persoas participantes deberán ter cumpridos os 16 anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa. Así mesmo, teñen que estar en posesión ou en condición de obter o título de técnico/a auxiliar de clínica (FP1), técnico/a auxiliar de enfermería (módulo profesional nivel 2, rama sanitaria) ou técnico/a en coidados auxiliares de enfermería (FP de grado medio, familia profesional sanidade).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre