Inicio Galicia A Xunta recupera o Castro de Vilar en Folgoso do Courel coa...

A Xunta recupera o Castro de Vilar en Folgoso do Courel coa participación dos mozos e mozas dun campo de traballo

0

As persoas participantes tamén realizan tarefas de conservación e mellora da contorna natural onde se sitúa o campo, ademais de colaborar en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos de importante valor patrimonial e turístico existentes na zona

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitou esta maña aos participantes no campo de traballo internacional que se está a celebrar no municipio lucense de Folgoso do Courel organizado por este departamento autonómico dentro da Campaña de Verán 2018. Trátase dun campo internacional centrado na temática medioambiental e arqueolóxica que principiou a pasada fin de semana e se prolongará ata o vindeiro día 25.

Así, as actividades que desenvolven os mozos e mozas con idades entre os 18 e os 30 anos que participan neste campo de traballo consisten na conservación e a mellora da contorna natural na que se sitúa esta acción de verán, e ademais colaboran en intervencións arqueolóxicos nos numerosos castros e xacementos de importante valor patrimonial e turístico existentes na zona: Sima de Aradelas, Cova de Tralacosta en Paderne, Buracadas das Choias, Cova dos Osos, Cova das Choias de Moreda… Durante este campo tamén se acometerá a limpeza do Castro de Vilar, unha formación emblemática do concello que está situado ao pé dunha ruta de sendeirismo moi usada e que presenta un sistema defensivo moi desenvolvido.

Este programa complétase cun amplo abano de actividades de ocio e tempo libre complementarias como obradoiros sobre o coidado da protección e a natureza, entre outras temáticas; rutas de sendeirismo pola Fervenza do Rexío ou pola Devesa da Rogueira; visitas a puntos de especial interese como o castelo de Carbedo; ou deportes acuáticos como kaiak, canoa e paddle board.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade e, neste caso, o noso privilexiado patrimonio arqueolóxico e medioambiental”.

Nesta liña, apuntou que este tipo de actividades “tamén promoven a participación e implicación da xuventude, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal, ademais de fomentar a mobilidade, pois ofrecen aos mozos a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países e viceversa”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9780 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre