Inicio Galicia A Xunta recórdalle ao Goberno central o seu compromiso adquirido na reconstrución...

A Xunta recórdalle ao Goberno central o seu compromiso adquirido na reconstrución da parroquia de Paramos (Tui)

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra lamentou hoxe que os veciños desta parroquia tudense aínda non recibiran unha resposta firme sobre a exención fiscal das subvencións que poidan recibir para reconstruír as súas vivendas e explotacións trala explosión da pirotecnia ilegal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, lamentou esta mañá que o Goberno Central non asumira aínda o compromiso adquirido coa Xunta de Galicia para a reconstrución da parroquia de Paramos en Tui, afectada pola explosión dunha pirotecnia ilegal.

Deste xeito, Cores Tourís recordou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicitou un compromiso real e eficiente do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en relación cos damnificados de Paramos.“Non podemos esquecer”, engadiu o delegado territorial, “que o presidente do Goberno comprometeuse con Alberto Núñez Feijóo na última reunión que mantiveron a colaborar nas axudas aos afectados por ese terrible suceso, e neste senso, insistimos na necesidade da exención fiscal sobre as subvencións que soliciten aquelas persoas cuxa casa quedou destruída ou inhabitable”. Tamén recordou José Manuel Cores Tourís que o presidente da Xunta solicitou, a maiores, que o Goberno Central apoie o financiamento das tarefas de desentullo. “E seguimos sen noticias ao respecto”, engadiu.

Segundo manifestou o delegado territorial, “o compromiso da Xunta cos damnificados de Paramos foi e é unha realidade. A Xunta actuou coa maior axilidade posible desde o primeiro momento, con atención médica e psicolóxica aos afectados; ofrecendo solucións para que os dous menores que quedaron orfos poidan continuar coa súa vida -unha reposta na que están implicados tanto os servizos de menores da Xunta, que son os que teñen a tutela, como unha familia de acollida-; e coas axudas ás familias afectadas”. Cores Tourís finalizou recordando que as axudas aprobadas pola administración autonómica en relación á explosión pirotécnica de Tui ascenden xa a máis de 7 millóns de euros.

En relación á aportación da administración autonómica, José Manuel Cores Tourís, recordou que xa se pagaron, no caso de danos en vivendas, 598.150 euros, as que se deben sumar ás aportadas por alugamento.“Quero lembrar que o importe de axudas establecidas pola Xunta de Galicia chegan aos 126.000 euros por vivendas”, engadiu o delegado territorial, “e que as de rehabilitación cobren todos os gastos que xa se teñan realizado así como calquera tipo de honorarios de técnicos que sexan necesarios. Os interesados poderán solicitar o pagamento da axuda por anticipando ata o próximo 6 de setembro, de maneira que non teñan que incorrer en ningún gasto”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre