Inicio Galicia A Xunta recorda á Deputación de Pontevedra que os procesos de comarcalización...

A Xunta recorda á Deputación de Pontevedra que os procesos de comarcalización xa están avanzando nas outras tres provincias

0

A Dirección Xeral de Emerxencias está á espera de que o Concello de Pontevedra lle dea unha data para presentarlle o seu proxecto

A Xunta de Galicia recordou hoxe á Deputación de Pontevedra que o proceso de comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades xa está avanzando nas outras tres provincias. De feito, na única onde está atopando atrancos e na de Pontevedra.

Eses obstáculos foron os que levaron ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, a buscar unha maneira de desbloquear a situación. Plantexouse así un cambio con respecto aos pasos dados en Ourense, Lugo e A Coruña e a Xunta aceptou presentarlle primeiro o proxecto aos concellos de Pontevedra e Vigo e despois facelo coa Deputación.

Deste xeito, a pasada semana enviouse un escrito ao Concello de Pontevedra solicitando a fixación dunha data para a entrevista, sen que ata o de agora se obtivera unha resposta. No que vai de ano, alcanzáronse acordos coas deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña e cos concellos de Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense, gobernados por forzas políticas de distinto signo.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación de Galicia.

No caso de Pontevedra, por exemplo, permitiría que o parque da capital provincial puidese dar servizo aos concellos máis próximos, que agora son atendidos por parques máis alonxados. A maiores no interior da provincia, está prevista a creación de tres novos servizos que eliminarían as zonas de sombra restantes.

A folla de ruta pasa por que, unha vez mantidas as reunións con Pontevedra e Vigo, se aborde o proxecto coa Deputación de Pontevedra. Cómpre lembrar que as institucións provinciais son as competentes en materia de emerxencias para concellos de menos de 20.000 habitantes e a súa participación económica é imprescindible para desenvolver as comarcalizacións. 

No hay comentarios