Inicio Galicia A Xunta recoñece o labor dos centros especiais de emprego como impulsores...

A Xunta recoñece o labor dos centros especiais de emprego como impulsores do mercado laboral inclusivo

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de reunirse coas principais asociacións de centros especiais de emprego na Comunidade, coas que a Xunta colabora en materia de formación e empregabilidade


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de completar a rolda de contactos aberta coas principais entidades que contan con centros especiais de emprego na Comunidade, das que destacou o seu importante papel na conquista dun mercado laboral integrador, que incorpore ás persoas con discapacidade en condicións de igualdade.

Para Lorenzana é clave potenciar os centros especiais de emprego para favorecer a situación sociolaboral das persoas con discapacidade e incrementar as súas oportunidades. Neste sentido comprometeu manter a colaboración con estas entidades e aplaudiu a súa consolidación como mecanismos que incrementan as posibilidades de empregabilidade do colectivo, en especial de quen se atopa na busca de traballo.

Ao longo das últimas semanas, Lorenzana mantivo xuntanzas coas directivas da Asociación empresarial de centros especiais de emprego, entidades do ámbito da discapacidade intelectual e/ou afíns de Galicia (IN-RED); da Asociación para a promoción de actividades de integración socio laboral (Aspais) e da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).

Avanzar nun mercado laboral inclusivo e na mellora da calidade de vida da cidadanía, constitúe para a Xunta a mellor das ferramentas de futuro. Un emprego é a forma máis axeitada para conseguir que as situacións de risco de exclusión non se cronifiquen. Os centros especiais de emprego, tal e como constatou a conselleira de Emprego e Igualdade, son verdadeiros axentes activos na promoción da cultura da integración. De feito brindan aos traballadores con discapacidade a posibilidade de desempeñar un traballo produtivo e remunerado, adecuado ás súas características persoais e que facilite a súa consolidación.

A Xunta comprométese a seguir a apoiar as novas contratacións e preparar ás persoas con discapacidade cara aos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral. Precisamente, a Axenda 20 para o Emprego, posta en marcha polo Goberno galego, inclúe ferramentas para acadar este obxectivo, co fin último de promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social, adecuando os seus perfís profesionais ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes de Galicia.

Programa pilotoNesta liña, a Xunta está a desenvolver un programa piloto de formación dual en centros especiais de emprego para un total de 60 destinatarios, todas elas persoas con discapacidade intelectual.

Trátase de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación recibida no marco do Sistema de formación profesional para o emprego. Ao seu remate os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade.

As accións estanse a desenvolver en seis centros especiais de emprego nas provincias da Coruña e Pontevedra. Os participantes reciben cualificación como auxiliares de viveiros e xardíns, auxiliares de comercio e para mantemento de oficinas.

Entre 2019 e 2022 está previsto un investimento no programa piloto de máis de 2 millóns de euros. Este ano destínanse 563.000 euros, que se incrementan ata os 706.380 en 2021 e a 805.849 para 2022.

Outros programas como o APROL de incentivos á contratación, as lanzadeiras de emprego para o fomento do emprendemento e autoemprego, e o reforzo das axudas ás empresas de inserción laboral e para a contratación de desempregados en risco de exclusión social, constitúen un claro exemplo da aposta do Goberno galego pola integración no eido do traballo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre