Inicio Galicia A Xunta recolle as achegas dos sectores do libro e audiovisual galegos...

A Xunta recolle as achegas dos sectores do libro e audiovisual galegos para deseñar un plan de reactivación

0

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse de xeito telemático cos representantes de ambos sectores para abordar os efectos da crise sanitaria e avanzar no deseño dun paquete de medidas específicas


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, está a manter, de xeito telemático, encontros cos principais representantes das industrias culturais galegas para abordar os efectos no sector da crise sanitaria do coronavirus. Os últimos en reunirse co titular de Cultura e Turismo foron os profesionais do sector audiovisual e o editorial, cos que a Xunta de Galicia está a deseñar un paquete de medidas específicas para a súa reactivación.

Neste marco, Román Rodríguez, acompañado do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo unha xuntanza con representantes da Academia Galega do Audiovisual (AGA), da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), do Clúster Audiovisual Galego (Clag) e da Coordinadora Galega de Festivais de Cinema. Neste encontro, o conselleiro transmitiulles que desde o Goberno autonómico se está a seguir coa máxima atención o impacto da crise no eido audiovisual e confirmoulles que se están a deseñar accións destinadas á revitalización do sector coa participación de todos os axentes implicados.

Tal e como salientou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, e co obxectivo de garantir as actividades previstas e os empregos, teranse en conta as especiais consecuencias que se están xa a dar en cada un dos ámbitos do sistema cinematográfico: desde a interrupción de rodaxes e a paralización de proxectos en desenvolvemento ata a cancelación de estreas ou a suspensión de festivais e circuítos de distribución.

Compromiso coa culturaNo marco destes encontros cos principais representantes do eido cultural galego, Román Rodríguez tamén mantivo unha reunión cos representantes da Asociación Galega de Editores (AGE), a Federación de Librarías de Galicia, a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) co obxectivo de avaliar a actual situación das empresas, profesionais e entidades do sector do libro na Comunidade galega por mor do Covid-19.

Durante esta xuntanza, os representantes do Goberno galego, en colaboración cos profesionais do sector do libro, abordaron os efectos do estado de alarma nos seus respectivos ámbitos ao tempo que se analizaron posibles liñas de actuación que permitan fortalecer o ecosistema do libro e da lectura. Neste marco, Román Rodríguez trasladoulles o compromiso da Xunta coa cultura, así como a intención do Goberno galego de axilizar os pagamentos e de implementar medidas para a reactivación do sector tras a crise sanitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre