Inicio Galicia A Xunta reclámalle ao Concello da Coruña a mesma urxencia co novo...

A Xunta reclámalle ao Concello da Coruña a mesma urxencia co novo hospital público da cidade que coa estación intermodal, con modelos de convenio marco semellantes

0
image_gallery.jpg

O Goberno galego agarda desde o 5 de maio unha resposta oficial do Concello da Coruña á proposta de convenio marco do hospital público


A Xunta reclámalle ao Concello da Coruña a mesma urxencia co desenvolvemento do novo hospital público da cidade que a que está a demostrar coa estación intermodal, pois para os dous proxectos se formularon modelos de convenio marco semellantes.

O Goberno galego lembra que leva agardando desde o 5 de maio unha resposta oficial do Concello da Coruña á proposta de convenio marco formulada para o impulso do hospital público. Este retraso contrasta coa axilidade coa que a Administración local tramita o acordo para o impulso da estación intermodal.

Neste caso, o Concello da Coruña tardou só 11 días desde o peche do texto de convenio marco en emitir o preceptivo informe xurídico municipal, que avala o investimento por parte da Administración local de 14 millóns de euros nas súas responsabilidades no impulso do complexo de transporte público. O investimento total previsto na estación intermodal pola Xunta, o Concello e Adif é de 80 millóns de euros.

A proposta de convenio formulada pola Xunta ao Concello da Coruña para o desenvolvemento do ‘Novo Chuac’ recolle os principios acordados por ambas as dúas administracións nas reunións mantidas sobre o asunto.

Así, establécese que o Concello asuma o custo da adquisición dos terreos e da execución dos accesos necesarios para o hospital público. A petición do Concello, no texto estableceuse un límite económico máximo para esas achegas, coa fin de evitar posibles riscos para as arcas municipais derivados do incremento de custos.

Na práctica, a proposta de convenio formulada supón que o Concello da Coruña achegue un máximo de 22 millóns de euros á construción do ‘Novo Chuac’ fronte aos 418 millóns de euros que, como mínimo, financiará a Xunta de Galicia.

O convenio non establece máximo para a aportación autonómica, de forma que a Xunta se compromete a asumir os excesos de custo que poidan xurdir durante o desenvolvemento do proxecto.

Ademais, o convenio marco formula un plan de pagos flexible que evita que o Concello desembolse ningunha cantidade antes de 2022 e deixa aberta a posibilidade de que o municipio acade a axuda doutras administracións para o desenvolvemento das súas achegas, seguindo o modelo do Concello de Pontevedra e a Deputación provincial no caso de Gran Montecelo.

A Xunta lembra que a construción do novo hospital público é a maior necesidade actual que afronta a cidade da Coruña e urxe impulsar a súa solución. Trátase, ademais, dun asunto de enorme transcendencia que merece ser tratado con rigor e seriedade mediante unha comunicación directa e oficial entre as Administracións implicadas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre