Inicio Galicia A Xunta reclama unha regulación estatal fronte a prostitución e a trata...

A Xunta reclama unha regulación estatal fronte a prostitución e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual

0
image_gallery.jpg

A secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, participou esta mañá na reunión das comunidades autónomas coa delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Victoria Rossell


A Xunta solicita unha regulación estatal fronte a prostitución e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. Así o trasladou hoxe a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, na reunión entre as comunidades autónomas coa delegada do Goberno para a Violencia de Xénero, Victoria Rossell.

Nesta liña, o Goberno galego solicita un marco legal unificado para todas as comunidades co obxectivo de actuar nos clubs de alterne, tendo en conta que estes establecementos están suxeitos á normativa segundo o tipo de licencia de actividade concedida polas entidades locais.

No encontro de hoxe, o Goberno central avanzou que na segunda quincena deste mes de setembro a ministra de Igualdade, Irene Montero, e a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Noelia Vera, reuniranse cos responsables autonómicos neste ámbito. Galicia volverá a solicitar nesa reunión ferramentas xurídicas a nivel estatal fronte á prostitución.

Natalia Prieto incidiu na necesidade de dotar de recursos residenciais e asistenciais para a atención das necesidades destas vítimas que lles permitan romper o ciclo de explotación e saír desta contorna de vulnerabilidade, en especial na actual situación excepcional derivada da crise sanitaria da covid-19.

A Xunta convoca anualmente unha orde de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual e/ou as vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e laboral. O Goberno galego destina a estas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, un importe anual de 480.000 euros.

Galicia tamén é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010 do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Ademais, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como unha forma de violencia de xénero.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre