Inicio Galicia A Xunta recibe ao sector bateeiro para clarificar as dúbidas vertidas ao...

A Xunta recibe ao sector bateeiro para clarificar as dúbidas vertidas ao respecto da dragaxe do Lérez

0

Rosa Quintana lembroulles que hai outros 17 proxectos en marcha nos portos galegos así como 41 nos que se están a facer as primeiras análises sen que ninguén tivera manifestado dúbidas coma neste caso


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha reunión con representantes das principais asociacións de bateeiros de Galicia e do Consello Regulador do Mexillón na que abordou o proxecto de dragaxe do río Lérez, en Pontevedra, e lles explicou o punto de tramitación no que se atopa. O Executivo galego convocou este encontro ante a preocupación mostrada polo sector e para aclarar directamente as dúbidas manifestadas nas últimas semanas sobre esta actuación, que está pendente de realizar desde hai varios anos e que é “unha máis das moitas que habitualmente se fan en toda a costa galega”.

A titular de Mar insistiu en que o proxecto aínda non está completo e que non se empezaron a extraer áridos do Lérez. Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, aínda ten que rematar o proxecto, facer todas as analíticas que establecen as directivas comunitarias e sometelo ao informe de impacto ambiental, que implica un período de exposición pública e unha solicitude de informes para a autorización desa dragaxe por parte das autoridades marítimas. Será o momento no que todos os interesados poderán consultar o seu estado e comprobar que cumpre con todas as normativas.“É un proxecto de dragaxe como os que se fan de forma continua en Galicia, con todas as garantías medioambientais. Nestes momentos estamos con outros 17 proxectos xa en marcha, aos que se suman 41 dos que se está facendo a batimetría e as primeiras análises necesarias para poder realizalos”, salientou Rosa Quintana tralo encontro, no que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.

A representante de Xunta insistiu en que unha vez que o proxecto estea elaborado, con todas as analíticas feitas, comezará a fase de exposición pública, na que todos os interesados poderán comprobar os datos dunha dragaxe que prevé o depósito dos áridos nun dos puntos xa autorizados desde 1998. “É un proxecto máis, e non son capaz de comprender por que suscita esas mentiras que se verteron acusándonos de levar lodos altamente contaminantes a Sálvora. Os mesmos bateeiros, que están todos os días pola ría, poden acreditar que é todo falso. Nin se están facendo depósitos en Sálvora nin Portos de Galicia é o que ten que autorizalos”, aseverou a conselleira do Mar.

A titular de Mar incidiu en que as dragaxes teñen unha tramitación administrativa moi complexa e que desde que está a fronte deste departamento apostou por cumprir estritamente coas directivas nacionais e internacionais en materia de medio ambiente. “Temos 122 portos en Galicia e o meu deber é darlle viabilidade para que poidan atracar as embarcacións, pero tamén é a miña responsabilidade responder para que os produtos das nosas rías estean nos máximos controis de calidade, que é o que defendemos en Galicia”, concluíu a representante do Executivo galego. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre