Inicio Galicia A Xunta recibe 68 ofertas aos 29 contratos de transporte público interurbano...

A Xunta recibe 68 ofertas aos 29 contratos de transporte público interurbano que inclúen 1.300 liñas de autobús

0

Presentáronse un total de 116 empresas, xa que moitas delas concorreron en UTE e todos os contratos recibiron ofertas


A Xunta recibiu un total de 68 ofertas aos 29 contratos de transporte interurbano cos que se culminará a modernización do transporte público que funcionará en Galicia na próxima década.

En total, son 116 as empresas que presentaron as súas ofertas, xa que moitas delas concorreron en UTE. Os 29 contratos recibiron ofertas.

Un dos novos contratos, correspondente aos servizos de transporte que se prestarán entre Pedrafita do Cebreiro e Santiago de Compostela para atender as necesidades de desprazamento dos peregrinos, o ‘Xacobús’, é o que máis ofertas ten recibido, cun total de 7.

Estes 29 contratos de transporte interurbano correspóndense con servizos que se prestarán, fundamentalmente, nas provincias da Coruña e de Pontevedra e suporán un investimento, en 10 anos, de máis de 240 millóns de euros da Xunta. Os lotes suman un total de 1.300 liñas de autobús que percorrerán 36 millóns de quilómetros ao ano, máis do dobre que en 2015. Destas liñas, 741 serán de transporte compartido e 639 inclúen servizos baixo demanda.

Os novos contratos permitirán achegar garantías de emprego a 870 condutores e case 400 acompañantes durante os vindeiros 10 anos.

Estes 29 contratos súmanse aos que xa están en servizo desde xaneiro que abranguen, fundamentalmente, as provincias de Lugo, Ourense e as zonas sur de Pontevedra e noreste da Coruña. Cómpre lembrar que o pasado día 29 de maio a Xunta puido reactivar o proceso de contratación destes servizos de transporte público interurbano, logo de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL) desestimase os tres recursos interpostos por varias empresas.

O Tribunal acolleu integramente as argumentacións da Administración autonómica e determinou a legalidade e conformidade dos pregos e proxectos que rexeron a licitación destes 29 contratos de transporte, avalando a actuación da Xunta na implantación do Plan de Transporte Público de Galicia e permitindo así reactivar a súa contratación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre