Inicio Galicia A Xunta recibe 10 ofertas para redactar o Plan director de saneamento...

A Xunta recibe 10 ofertas para redactar o Plan director de saneamento de Betanzos cun investimento de 433.000 euros

0

Para acometer estes traballos, cun prazo de 14 meses, presentáronse un total de 14 empresas, xa que algunhas concorreron en UTE

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibe un total de 10 ofertas para redactar o Plan director de saneamento de Betanzos por importe de 433.000 euros.

En total, son 14 as empresas que presentaron as súas ofertas, xa que catro delas concorreron en UTE. O prazo para a execución dos traballos é de 14 meses.

O contrato ten como obxectivo proporcionar o apoio técnico necesario para redactar un plan que achegue un coñecemento real das carencias do sistema de saneamento desta vila.

O plan definirá as diferentes actuacións destinadas a solucionar dun xeito definitivo os problemas do saneamento de augas residuais, tanto en tempo seco coma de chuvia.

Este plan virá resolver as deficiencias da actual rede, que é unitaria e conta no núcleo urbano con conducións antigas e deterioradas.

Ademais, a depuradora precisa ser adaptada ao efluente realmente xerado e xestionado no sistema de saneamento, así coma ás prescricións legais do medio receptor.

Esta actuación cofinanciarase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-220.

Elaboración do planPara elaborar este plan, o adxudicatario do servizo deberá realizar un inventario do sistema, coa localización dos puntos de vertido ao dominio público ou a identificación de zonas marisqueiras, de baño ou de especial protección ambiental.

Tamén se elaborará unha campaña de aforos de caudal e as analíticas dos efluentes, así como un modelo numérico da rede. O documento incluirá o impacto dos alivios e vertidos.

A partir da recompilación desta información, planificaranse as actuacións a executar para dotar o Concello de Betanzos dun sistema de saneamento eficiente que responda ás necesidades dos veciños.

O Goberno galego continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre