Inicio Galicia A Xunta realizará novas actuacións de limpeza e conservación do Castro de...

A Xunta realizará novas actuacións de limpeza e conservación do Castro de Santa María de Cervantes

0
image_gallery.jpg

Avanzouno hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento


A Xunta realizará novas actuacións de limpeza, conservación e consolidación no Castro de Santa María de Cervantes. Avanzouno hoxe a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, nunha intervención Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego na que puntualizou que os traballos comezarán na primeira semana de outubro e terán un prazo de execución de tres meses.

En concreto, detallou que estes traballos permitirán a restauración da área escavada coa finalidade de favorecer a súa visita e posta en valor. Entre as actuacións que se acometerán destacan os traballos de limpeza e roza do conxunto e do xacemento arqueolóxico, así como tarefas de conservación e consolidación de muros, pavimentos e outras estruturas nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados. Do mesmo xeito, instalarase un panel informativo das características do xacemento, realizaranse accións de difusión dirixidas tanto á veciñanza da zona como á comunidade científica e interesada no patrimonio cultural galego.

A responsable de Patrimonio Cultural do Goberno galego explicou que, xunto con esta actuación, o seu departamento traballa noutras actuacións futuras na zona entre as que destaca a realización de novas escavacións arqueolóxicas que permitan afondar no coñecemento científico do xacemento e aumentar a área de visita.

Poboado dos séculos I e IIO castro de Santa María de Cervantes, declarado Ben de Interese Cultural en outubro do 2019, é un poboado castrexo romanizado de funcionalidade fundamentalmente mineira, datado nos séculos I e II da nosa era. O conxunto está integrado, ademais, por unha igrexa, unha necrópole medieval que se remonta cando menos ao século XIV e por importantes restos de explotacións mineiras auríferas de época romana na súa contorna inmediata.

Precisamente, de cara á súa declaración como BIC, a Xunta promoveu na zona traballos de prospección arqueolóxica e documentación para a súa delimitación que acreditan os valores culturais sobranceiros da zona arqueolóxica do Castro de Cervantes, en especial o seu valor no proceso de transición das culturas prerromanas ao mundo romano.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre