Inicio Galicia A Xunta realiza obras na planta baixa do seu edificio administrativo en...

A Xunta realiza obras na planta baixa do seu edificio administrativo en Ourense para modernizar a oficina de información e rexistro

0

Os traballos comezarán o mércores que vén, 13 de novembro, e obrigarán a trasladar estes servizos ás dependencias habilitadas no soto da coñecida como ‘Casa de Chocolate’ con acceso pola rúa Ramón Cabanillas

A partir do mércores da semana que vén, 13 de novembro, a Xunta levará a cabo obras na planta baixa do edificio administrativo que o Goberno galego ten na cidade de Ourense, coñecida como ‘Casa do Chocolate’, para modernizar a Oficina de Información e o Rexistro emprazadas neste espazo.

A execución destes traballos obrigará a trasladar temporalmente estes dous servizos ás dependencias habilitadas no soto do inmoble que teñen o acceso pola rúa Ramón Cabanillas. Prevese que as obras estean rematadas a finais do mes de decembro.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, explica que as obras de reforma se realizarán para adaptarse aos cambios introducidos na comunicación dos cidadáns e dos usuarios coas Administracións Públicas polo uso das novas tecnoloxías, así como tamén na achega de solicitudes e nos trámites administrativos.

Coa entrada en vigor da lei vixente, que obriga a algunhas persoas e as administracións a comunicarse de xeito electrónico coas Administracións Públicas, mudou a recepción física de documentación xa que a entregada en papel ten que ser dixitalizada no rexistro para ser incorporada, xa de xeito electrónico, ao servizo ou ao procedemento correspondente.

Ademais, os interesados que se queiran comunicar de xeito electrónico coa Administración poderán ser asistidos nun futuro por funcionarios que presten servizos nas oficinas de asistencia en materia de rexistros.

Co obxectivo de poder responder a estas novas esixencias nas relacións cos administrados, tende a desaparecer a recepción dos escritos dende un mostrador, para substituíla por unha atención mais personalizada e individualizada.

A reforma da planta baixa do edificio administrativo da Xunta consistirá na eliminación dos mostradores e despachos destinados actualmente ao persoal de Información e Rexistro, para crear un espazo no que se situará a sala de espera, o sistema de distribución de quendas e os postos de atención individualizada para o cidadán. Ademais, tamén se realizarán os traballos necesarios para dotar este espazo para dotala de sistema de climatización e renovación de aire, que redundará na confortabilidade, sobre todo no verán, tanto para os cidadáns como para o persoal do rexistro.

A delegada territorial lembra, que coa finalidade de facilitar a xestión na atención ao cidadán e prestar un mellor servizo hai dous anos xa se instalou na oficina de atención e rexistro do edificio administrativo emprazado na avenida da Habana un sistema electrónico de distribución de quendas e de cita previa por internet.

Díaz Mouteira indica que as obras de reforma se executarán no menor prazo posible que garantirá as mínimas consecuencias aos usuarios.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre