A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na inauguración das “IV Xornadas de diversidade sexual dende a educación”, na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno para garantir que todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, poidan exercer plenamente os seus dereitos con dignidade e liberdade.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na inauguración das IV Xornadas de diversidade sexual dende a educación, na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago, onde indicou que as administracións públicas teñen que facer un esforzo por situarse á vangarda da protección da igualdade efectiva de dereito e dar unha ampla resposta na integración e non discriminación do colectivo LGTBI.
Susana López Abella explicou que nestes últimos anos o Goberno galego deu grandes e importantes avances no que atinxe á igualdade das persoas LGTBI, de xeito significativo ao abeiro da aprobación da primeira Lei de igualdade de trato e a non discriminación deste colectivo en toda España, a Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. Unha lei que acadou amplo consenso e que a nosa Comunidade Autónoma foi pioneira en aprobar.
A Lei 2/2014, propón unha abordaxe transversal da situación e dos problemas de discriminación dos que son obxecto as persoas LGTBI. É unha lei necesaria, garantista, que aspira a protexer e mellorar a calidade de vida de persoas que o necesitan dende un enfoque integral. Atinxe á seguridade, á xustiza, ao eido laboral, ao familiar, ao da saúde, á educación, á cultura, ao deporte, á xuventude ou á comunicación.
Finalmente, López Abella indicou que o camiño para avanzar cara á igualdade e a diversidade é a educación. Para conseguir unha sociedade respectuosa e inclusiva con todas as persoas, o traballo no ámbito educativo faise imprescindible. Desde as aulas pódese ensinar aos nenos e nenas a ter unha visión do mundo e da sociedade libre de prexuízos e estereotipos. De aí a importancia de traballar esa diversidade desde o sistema educativo.