Inicio Galicia A Xunta reafirma o seu compromiso no apoio ás vítimas de trata...

A Xunta reafirma o seu compromiso no apoio ás vítimas de trata con fins de explotación sexual coa creación do primeiro Plan estratéxico de Galicia

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da xornada “A trata con fins de explotación sexual: unha forma de violencia de xénero”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o compromiso da Xunta na loita contra a trata con medidas de apoio e protección ás vítimas. O Goberno galego seguirá traballando neste ámbito coa elaboración do primeiro Plan Estratéxico de Galicia contra a trata con fins de explotación sexual .

López Abella participou hoxe na inauguración da xornada “A trata con fins de explotación sexual: unha forma de violencia de xénero” organizada pola Fundación Amaranta, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. Na súa intervención avanzou que as axudas que cada ano convoca a Xunta destinadas a entidades sen ánimo de lucro para que leven a cabo proxectos de atención integral dirixidos a persoas inmigrantes e vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, contarán en 2020 cun orzamento de 450.000 euros.

O importe máximo de cada axuda será de 70.000 euros e priorizaranse as solicitudes que inclúan a posibilidade de acollemento residencial temporal. A orde vai dirixida a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e con domicilio social en Galicia. Nos proxectos de atención integral financiados inclúense accións como a atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos; asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións con entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos; atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou condutuais na procura da súa recuperación persoal; así como orientación e asesoramento xurídico, laboral. Tamén se apoiarán programas de atención en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos existentes.

Ao abeiro desta orde de axudas, nove organizacións foron beneficiarias neste exercicio, e o pasado ano atenderon a 690 vítimas da trata na comunidade a través dos programas que levan a cabo.

A maiores do apoio económico, as vítimas de explotación sexual ou trata teñen á súa disposición vivendas de seguridade, que o ano pasado recibiron 16 usuarias, 13 delas mulleres e tres menores. Ademais, a Xunta asinou o pasado xullo un convenio coa entidade Aliad-Ultreia, para manter a casa de acollida en Lugo para as mulleres vítimas da trata. Galicia aprobou a Lei 12/2016 do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007 do 27 de xullo galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que no seu artigo 3 recolle a trata de mulleres e nenas como forma de violencia de xénero e incorpora ás vítimas desta forma de violencia como beneficiarias das prestacións económicas periódicas da Xunta. A comunidade galega é ademais pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. O Goberno galego traballa desde hai anos en garantir a protección das vítimas a través de protocolos de detección destes casos e a derivación das vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual a profesionais de distintos ámbitos que lles axuden a acceder a recursos de asistencia especializados.

A Administración autonómica tamén avoga pola posta en marcha de prevención e concienciación, sobre todo a homes mozos como peza clave na erradicación destas situacións. Neste sentido, o pasado 18 de outubro, coincidindo co Día Europeo contra a trata de seres humanos, a Xunta puxo en marcha a campaña de sensibilización “A túa diversión destroza vidas”, para seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre