Inicio Galicia A Xunta reafirma o seu compromiso co impulso da administración electrónica e...

A Xunta reafirma o seu compromiso co impulso da administración electrónica e a redución das cargas burocráticas

0

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, explicou hoxe no Parlamento que a Administración autonómica permite tramitar de forma electrónica o 94,5% dos procedementos

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, reafirmou hoxe no Parlamento galego o compromiso da Xunta co fomento da administración electrónica, a redución das cargas burocráticas, a defensa dos dereitos da cidadanía e a mellora da xestión das queixas e suxestións.

Na súa intervención, a directora xeral explicou que todas as medidas adoptadas nos últimos anos teñen como obxectivo configurar unha administración máis próxima, accesible, transparente, áxil e eficiente.

Así, por exemplo, destacou a recente posta en marcha do Sistema Integrado de Atención á Cidadanía (SIACI), un servizo multicanle que ten como obxectivo garantir o dereito da cidadanía a recibir da Administración a información que precise.

Ademais, nos últimos anos, tamén se puxo en funcionamento a Oficina de Defensa das Persoas Usuarias do Servizos Públicos, que leva tramitadas máis de 3.000 queixas e suxestións que, á súa vez, permitiron tamén a detección de áreas susceptibles de mellora na Administración. Do mesmo xeito, tamén se ampliaron as canles de presentación de suxestión e queixas, que poden tramitarse de xeito presencial, electrónico e telefónico.

Para configurar unha administración máis áxil e eficiente, aprobouse en 2014 o Plan Achega. Grazas a este plan, suprimíronse preto de 900 trámites e procedementos administrativos. Ademais, para os que restaron, apostouse pola administración electrónica, que xa está dispoñible para o 94,5% deles.

Na eficiencia administrativa tamén xogou un papel importante a plataforma de interoperabilidade Pasaxe, grazas á que os cidadáns teñen que presentar cada vez menos documentación, xa que esta pode ser consultada directamente pola Administración (documentos como o DNI, o título de familia numerosa, ou o certificado de discapacidade)Todos estes avances supuxeron unha redución das cargas burocráticas, o que permitiu axilizar a actividade administrativa nun 26,55% e mellorar os tempos de resposta, que se sitúan actualmente en 4 meses para as convocatorias anuais, cando a normativa establece un prazo de 9 meses.

Xa no ámbito da transparencia, unha das ferramentas máis importantes é o Portal de Transparencia e Goberno aberto da Xunta, que situou a Galicia á vangarda do Estado. Nel, pódense visualizar máis de 3.000 documentos e acumula xa máis de 400.000 visitas. Neste eido, son salientables tamén a posta en marcha do procedemento de acceso á información pública, a través do que se resolveron máis de 2.000 solicitudes; ou a entrega puntual á Valedora do Pobo dos datos relativos a xestión das queixas, suxestións e solicitudes de información.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre