Inicio Galicia A Xunta reafirma o seu apoio á investigación universitaria na presentación dos...

A Xunta reafirma o seu apoio á investigación universitaria na presentación dos resultados do Proxecto Pan-Cancer liderado polo CIMUS

0

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou o esforzo e tesón do equipo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, capitaneado polo científico José María Castro Tubío


A Xunta de Galicia reafirma o seu apoio á investigación universitaria e o reforzo dunhas estruturas de investigación sólidas e competitivas no eido nacional e internacional. Así o puxeron de manifesto hoxe a conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, no acto de presentación dos resultados do Proxecto Pan-Cancer liderado por un equipo de investigadores do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC, capitaneados polo científico José Tubío.

Este equipo de investigadores do CIMUS colidera, xunto con 700 investigadores de distintos países ao longo de 7 anos, o proxecto de investigación en xenómica do cancro máis importante do mundo, co descubrimento dun relevante mecanismo de mutación desta enfermidade, e cuxos resultados se publican nas prestixiosas revistas Natura e Nature Genetics.

A conselleira Carmen Pomar expresou o seu agradecemento a este equipo de científicos “en nome do Goberno galego e do conxunto da sociedade”, xa que todos os avances que se realicen neste ámbito supoñen “abrir moitas portas e moitas esperanzas” para os cidadáns.

Así mesmo subliñou o importante esforzo que está a realizar a Administración autonómica no apoio á carreira investigadora (nas etapas predoutoral, posdoutoral e de investigadores de recoñecida traxectoria) e á creación de estruturas de investigación sólidas e competitivas como é o caso do CIMUS, un dos 8 centros de investigación punteiros que existen en Galicia e nos que a Consellería de Educación vén de inxectar 18 millóns de euros.

En concreto, nesta última convocatoria para centros de investigación o CIMUS dispón de 960.000 euros no presente ano, contía que acadará en total case os 2,8 millóns de euros ao cabo de tres anos, en 2022.

Por outra banda, o investigador principal do proxecto, José Manuel Castro Tubío, foi beneficiario de dúas axudas para a contratación de persoal investigador da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia nas etapas predoutoral e posdoutoral para desenvolver a súa investigación na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). Ademais, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), colabora no proxecto Pan-Cancer ofrecendo servizos de cálculo e almacenamento de datos. O CESGA ten unha grande experiencia traballando con inxentes volumes de datos, entre outros no campo da secuenciación xenómica, e presta servizo diariamente a máis de 600 investigadores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre