Inicio Galicia A Xunta reafirma a importancia da educación e da sensibilización social para...

A Xunta reafirma a importancia da educación e da sensibilización social para erradicar a violencia de xénero

0

Coincidindo co 25-N a delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación dun proxecto da Federación provincial de Anpas e financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade

Ourense, 25 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia expresa con claridade e decisión, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, a súa vontade de avanzar cara escenarios que nos axuden a configurar unha Galicia libre de violencia machista, co compromiso de implicarnos tamén na sensibilización social necesaria para propiciar unha transformación cultural que permita acadar un novo pacto social entre mulleres e homes. Así se recolle na Declaración Institucional do Goberno galego que hoxe a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, leu nun acto no IES Blanco Amor da cidade organizado pola Federación provincial de Anpas (FAPA) para presentar as actividades que organiza este colectivo a prol da igualdade.

Díaz Mouteira indicou que ao abeiro do Pacto contra a Violencia de Xénero, o Goberno galego ten asinados acordos con outras consellerías para levar a cabo unha atención transversal, unindo esforzos por e para incrementar a eficacia dos seus compromisos cara un cambio social que faga posible a igualdade real.

Co fin de lograr a erradicación desta lacra e avanzar na senda da igualdade, a Secretaria Xeral da Igualdade activa varias liñas de axudas destinadas a distintos colectivos e entidades. Un exemplo son os apoios destinados a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais (Anpas). Na provincia ourensá, ao abeiro destas achegas da Vicepresidencia, fináncianse con 60.000 euros un total de 18 programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa.

Precisamente hoxe presentouse un dos proxectos beneficiados, promovido pola Federación provincial de Anpas de Ourense (FAPA) baixo o título Escolas libres de Violencia machista: Educando en valores, educando en igualdade. O proxecto inclúe unha serie de entrevistas en formato Podcast realizadas a personalidades da sociedade ourensá e profesionais involucrados na eliminación da discriminación sexual e do machismo, que a FAPA Ourense comparte a través da súa web e redes sociais; exposicións, vídeos promocionais, obradoiros formativos e a realización dunha enquisa entre familias e alumnado de 12 centros públicos da provincia para coñecer as actitudes e valores respecto das relacións de xénero no seu entorno. Díaz Mouteira foi unha das persoas entrevistadas e tamén protagonista da exposición que percorrerá varios centros educativos. O IES Blanco Amor acolle na actualidade esta mostra composta por paneis que recollen as fotografías e frases alusivas á igualdade das persoas que participaron nesta iniciativa.

Marisol Díaz indicou que “a Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero”. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre