Inicio Galicia A Xunta reafirma a importancia da concienciación social para erradicar a violencia...

A Xunta reafirma a importancia da concienciación social para erradicar a violencia de xénero

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe as “IX Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero de Ames”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, indicou hoxe que a concienciación social é esencial para a erradicación da violencia de xénero durante a súa intervención na inauguración das “IX Xornadas de Igualdade de Prevención da Violencia de Xénero de Ames”.

López Abella destacou que a Xunta conta con axudas directas, programas e recursos que se reforzaron este ano para axudar a saír da situación de violencia de xénero a moitas mulleres e aos seus fillos e fillas. Así, a Administración autonómica aprobou de forma pioneira un programa de asistencia integral para os menores orfos vítimas de violencia de xénero e tamén se implantou a primeira vivenda tutelada en España especializada para vítimas da violencia con enfermidade mental.

Galicia é a única comunidade autónoma que conta cunha prestación económica periódica operativa durante todo o ano, que este ano tamén incorporou como beneficiarias ás vítimas da violencia vicaria, que sofren o asasinato dos seus fillos e fillas a mans do maltratador. Ademais, este ano instaurouse por primeira vez unha liña de axudas para menores de 30 anos, orfos por causa da violencia de xénero e outra para mulleres gravemente feridas.

A secretaria xeral da Igualdade indicou que ao abeiro do Pacto contra a Violencia de Xénero, o Goberno galego ten asinados acordos con outras consellerías para levar a cabo unha atención transversal. Desta forma, no marco do acordo coa Consellería de Medio Ambiente consignáronse 1,6 millóns de euros para axudas aos alugueiro social que xa facilitaron o acceso a máis de medio cento de mulleres vítimas da violencia de xénero. No ámbito deportivo, o convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte, dotado con 1,5 millóns de euros, permitiu asinar convenios de patrocinio con deportistas e equipos profesionais e non profesionais para fomentar os valores de igualdade e non violencia.

No eido educativo, o Goberno impulsa accións para implantar programas de igualdade nos centros educativos e formar ao profesorado e tamén colabora coas tres universidades galegas para que contribúan á prevención e loita contra esta lacra. Na mesma liña, a Xunta incrementou a presenza de puntos informativos nos festivais e nas festas de interese turístico de Galicia coa campaña Agresión OFF coa que sensibilizar e evitar agresións sexuais. Entre os programas novidosos deste ano destaca a quenda social de garda que se suma á psicolóxica co obxectivo de ofrecer unha atención integral ás vítimas.

A través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero tamén se puxeron en marcha actuacións no ámbito social para reforzar os Puntos de Encontro Familiar e a atención de menores vítimas de violencia sexual; ou no ámbito sanitario para sensibilizar e formar aos profesionais na loita contra esta problema. Ademais, no medio rural conseguiuse a inserción laboral de 13 vítimas de violencia de xénero a través do acordo coa Consellería do Medio Rural para incentivar a súa contratación en empresas forestais e agrogandeiras.

Seguindo a liña de apoio aso concellos como administración máis próxima á cidadanía, a convocatoria de axudas destinadas a entidades locais de Galicia contou con 131 asociacións de mulleres e Asociacións de Pais e Nais (Anpas) beneficiarias que levarán a cabo actuacións de sensibilización. Ademais, outra orde de axudas cun orzamento de 1,6 millóns de euros permitiu este ano a inserción laboral de 79 mulleres en 12 concellos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre