Inicio Galicia A Xunta reactiva os actos expropiatorios e convoca aos propietarios dos terreos...

A Xunta reactiva os actos expropiatorios e convoca aos propietarios dos terreos da estrada Valdoviño-Cedeira activando un estrito protocolo de seguridade

0

O DOG publica hoxe as datas para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización da ocupación das 136 fincas necesarias para a mellora dun treito de case 4 km, desde a saída do núcleo urbano de Valdoviño ata A Ramalleira


A Xunta reactiva os actos expropiatorios e convoca aos propietarios dos terreos da estrada Valdoviño-Cedeira activando un estrito protocolo de seguridade. Así llo trasladou hoxe a conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na videoconferencia mantida co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, e co equipo técnico da Axencia Galega de Infraestruturas, que levará a cabo o proxecto e as obras de acondicionamento na estrada autonómica AC-566.

O encontro de traballo, no que participou tamén o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, coincide coa publicación, no Diario Oficial de Galicia, das datas para o levantamento das actas previas á ocupación e das datas de levantamento das actas de ocupación das 136 fincas necesarias para a mellora dun treito de case 4 km, desde a saída do núcleo urbano de Valdoviño ata A Ramalleira.

Concretamente, os días 18 e 19 de xuño, os 86 titulares afectados por esta actuación deberán comparecer na Casa da Cultura do concello de Valdoviño para o levantamento de actas previas dos terreos necesarios para a execución da obra. Para ser máis áxiles, tamén se convoca hoxe o levantamento das actas de ocupación, para os días 6 e 7 de agosto no mesmo lugar, e tras o pago pola Administración dos depósitos previos.

Na xuntanza informouse ao alcalde do detalle da posta en práctica en Valdoviño do protocolo de seguridade aprobado pola Xunta para garantir todas as medidas sanitarias e de prevención fronte á covid-19, no que será a primeiro dos actos expropiatorios desde que se decretou o estado de alarma.

Neste sentido, para garantir o proceso e todas as medidas de seguridade sanitaria o local disporá dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima, zona de espera ampla e ventilación e limpeza frecuente, onde non se poderá superar o límite de aforo e estarán dotados con carteis informativos e indicadores e xeles hidroalcohólicos.

Mentres, os titulares das fincas teñen a obriga de asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

Tal e como explicou a conselleira, despois deste levantamento de actas de ocupación, os terreos estarán dispoñibles para a execución desta actuación tan demandada de mellora da estrada Valdoviño-Cedeira, de cara a lograr unha maior mobilidade e seguridade viaria.

O prazo de presentación de ofertas para a execución destas obras está finalizado, concorrendo neste proceso 22 ofertas, algunhas delas presentadas a través de unión temporal de empresas, polo que a participación no concurso ascende a 29 empresas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre