Inicio Galicia A Xunta publica o decreto que simplificará e axilizará os arredor de...

A Xunta publica o decreto que simplificará e axilizará os arredor de 100.000 aproveitamentos forestais que se fan en Galicia cada ano

0

A norma que regulará os aproveitamentos forestais madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes de xestión privada supón un importante desenvolvemento da Lei de montes de Galicia


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se regulan os aproveitamentos forestais madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes de xestión privada de Galicia. Esta norma, que supón un importante desenvolvemento da Lei de montes de Galicia, beneficiará os titulares tanto dos terreos como dos aproveitamentos, xa que redundará nunha simplificación dos trámites e nunha axilización e redución dos prazos, proporcionando maior seguridade xurídica aos cidadáns.

Cómpre destacar que no novo decreto se regula por primeira vez o aproveitamento de resina, que está experimentando un forte pulo nos últimos anos e que está moi ligado á fixación de poboación no rural. Ao tratarse dun aproveitamento en constante evolución, facilita tamén as accións de formación e investigación. En particular, este decreto regula a autorización única para os aproveitamentos por parte da Consellería do Medio Rural, que será a que solicite e valore os informes preceptivos dos distintos organismos da Xunta, emitindo unha única autorización, nun prazo máximo de dous meses, con silencio positivo.

Este réxime esténdese, así mesmo, a outras administracións, sempre que exista convenio con elas. Actualmente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten subscrito un convenio que permite ao administrado realizar unicamente o trámite coa Xunta de Galicia e obter autorización deste organismo estatal. Vaise traballar, ademais, na sinatura de novos convenios con outros organismos con este mesmo obxectivo. Isto funcionará, na práctica, como unha “xanela única” para os cidadáns, que non terán que multiplicar trámites con diferentes administracións para xestionar os aproveitamentos.

Trámite inmediatoNesta liña, coa nova norma consolídase a declaración responsable como réxime de intervención administrativa principal, un trámite que habilita para realizar o aproveitamento desde o mesmo momento da súa presentación, de xeito inmediato. A maiores, coa publicación deste decreto desenvólvese regulamentariamente dita tramitación mediante declaración responsable de aproveitamentos antes suxeitos a autorización administrativa, ao abeiro da aprobación de pregos coas condicións sectoriais polas consellerías competentes. Amplíanse así os supostos de declaración responsable, o que se estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización.

Información xeolocalizadaUn elemento esencial na simplificación administrativa das cortas é a información xeolocalizada que, conforme á Lei de montes de Galicia, elaboraron as distintas consellerías con competencias sectoriais, para facilitar que se coñeza cando os montes ou terreos forestais forman parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou cando están afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, a prol da preservación dos seus valores culturais, naturais e paisaxísticos. Con este decreto dáse cumprimento ás medidas forestais do ditame da Comisión especial do Parlamento galego, no que atinxe á simplificación normativa, á concordancia entre a lexislación española e galega e ao impulso do desenvolvemento regulamentario da Lei de montes de Galicia.

A norma integra plenamente os aproveitamentos forestais no Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses axeitadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal, unha medida tamén incluída no devandito ditame. Así, o decreto recolle este mandato e simplifica e axiliza a tramitación dos arredor de 100.000 expedientes que cada ano se tramitan en Galicia. Deles, arredor dun 60% son declaracións responsables e o resto solicitudes de autorización. Respecto da legalidade da madeira, o decreto simplifica o procedemento para facer constar a cantidade verdadeiramente aproveitada, facilitando a obtención de datos fiables dos aproveitamentos madeireiros e permitindo aos operadores obter a acreditación do seu sistema de dilixencia debida de xeito individual.

En paralelo á tramitación deste decreto, traballouse no desenvolvemento de dúas novas aplicacións informáticas para a xestión dos procedementos recollidos nel. Por unha banda, a chamada Corweb (que estará dentro da Sede Electrónica da Xunta) e coa que o administrado poderá facer a súa solicitude. Por outra, a denominada Corpri, que permitirá ao persoal da Xunta tramitar os expedientes internamente, con control total e sen empregar papel en todo o proceso. O decreto entrará en vigor aos 20 días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Enlace á publicación no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200520/AnuncioG0426-080520-0001_gl.html 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre