Inicio Galicia A Xunta publica o Anuario de Estatística Forestal do ano 2019

A Xunta publica o Anuario de Estatística Forestal do ano 2019

0

Trátase dunha recompilación ampla e detallada coa información do sector forestal galego que obra nos rexistros administrativos


Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020.- No portal web da Consellería do Medio Rural está dispoñible dende hoxe o Anuario de Estatística Forestal de Galicia correspondente ao ano 2019. Trátase dunha radiografía detallada, ao longo de 120 páxinas, do sector forestal galego editada pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

Esta publicación é unha ferramenta fundamental para apoiar a toma de decisións en materia de ordenación, fomento e promoción do monte galego, tanto por parte da Administración forestal como do propio sector, xa que desenvolve e actualiza, de modo sistemático, os seus principais indicadores.

Ademais, esta nova monografía estatística asenta un deber da Xunta de Galicia, como é o de informar de xeito periódico ao sector forestal e á sociedade galega en xeral dos principais datos forestais rexistrados nas distintas fontes oficiais que se posúen.

Desta forma, actualízase o Anuario do 2018, incorporando ao tempo un conxunto de nova información, entre a que destaca a posibilidade de establecer series comparativas entre os datos de 2018 e 2019 en múltiples táboas. Así, no que atinxe aos aproveitamentos madeireiros inclúe, por exemplo, datos desagregados de volume segundo o estado da madeira (queimada, seca ou verde) para os dous exercicios.

Por outra banda, a estatística relaciona de forma detallada as cifras das rescisións de convenios e consorcios ao longo do ano 2019. Incorpora, así mesmo, datos actualizados e series históricas das comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, aplicables a montes ou parcelas forestais de superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

Do mesmo xeito, a publicación presenta os primeiros datos, correspondentes ao 2018, do número de axentes galegos (tipo 1 e 2) e volumes declarados (toneladas) en materia de legalidade na comercialización de madeira e produtos da madeira (Regulamento EUTR). A maiores, o anuario relaciona tamén superficies de aproveitamento forestal e ratios de medias dos expedientes de corta.

ActualizaciónGran parte da información que se presenta de forma agregada foi posible grazas á continúa actualización e posta en marcha de diferentes plataformas informáticas que se están a desenvolver dentro da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Cómpre destacar a súa gran aceptación por parte dos xestores e administrados forestais, así como a corresponsabilidade que as persoas produtoras, transformadoras e prestatarias de servizos do sector forestal galego están amosando coa presentación dos datos que compoñen as súas comunicacións ou declaracións responsables de carácter administrativo.

Desta forma compróbase como o sector forestal galego é sensible á importancia que ten obxectivar a súa magnitude no contexto estatal e europeo, de cara a solicitar un tratamento diferenciado, de forma positiva, respecto de determinadas necesidades ou oportunidades que este eido está a detectar.

Doutra banda, a presente información permite decatarse do rol cada vez máis preponderante que o monte galego e a súa xestión forestal activa ten que xogar nun proceso irreversible en materia de políticas públicas de descarbonización, de economía circular e da bioeconomía.

O Anuario correspondente ao ano 2019 está dispoñible no seguinte enlace, na web de Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/estatisticas/estatisticas-forestais  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre