Inicio Galicia A Xunta publica no DOG a nova convocatoria de axudas á elaboración...

A Xunta publica no DOG a nova convocatoria de axudas á elaboración de plans de emerxencia fronte á seca co obxectivo de que o vindeiro ano 40 concellos dispoñan desta ferramenta

0

Esta segunda convocatoria está dotada con 250.000 euros, o mesmo importe que o ano pasado supuxo a concesión de axudas a 20 municipios, os cales rematarán a elaboración dos plans en setembro

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria de axudas aos concellos para a elaboración de plans de emerxencia fronte á seca, co obxectivo de que o vindeiro ano, polo menos, 40 municipios da Comunidade dispoñan desta ferramenta.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron hoxe en rolda de prensa esta convocatoria de subvencións, dotada con 250.000 euros.

Trátase da segunda convocatoria destas axudas e conta co mesmo importe que a do ano pasado, que chegou ata 20 municipios. Actualmente eses concellos están todos a elaborar os seus plans de emerxencia fronte á seca. A previsión é que o vindeiro mes de setembro xa haxa 20 municipios galegos dotados con plans de emerxencia fronte á seca. A nova convocatoria ten por finalidade acadar o vindeiro ano os 40 concellos cos seus documentos preparados para poder anticiparse a posibles situacións de seca.

As novas axudas poden solicitarse desde mañá e ata o 17 de xullo, de acordo cos termos da convocatoria que poden consultarse a través do seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200617/AnuncioO143-040620-0001_gl.html.

Esta orde de axudas ten por obxectivo prestar apoio técnico e financeiro en materia de augas aos concellos galegos, coa fin de que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como reaccionar e actuar ante unha situación de alerta.

Poden solicitar as axudas todos os concellos e serán concedidas conforme a criterios obxectivos, priorizando os pequenos e medianos, de menos de 50.000 habitantes.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou, ademais, de que os concellos que non foron seleccionados na convocatoria anterior poderán volver solicitar a axuda sen necesidade de achegar novamente a documentación requirida.

Explicou que as axudas financiarán o 80% do custo da redacción do plan, cun importe de ata 15.000 euros por solicitude e subvencionarán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro. Ademais, as axudas son compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.

Ethel Vázquez subliñou que os plans de emerxencia fronte a seca son un instrumento clave para anticiparse e preparar solucións que garantan o abastecemento de auga á poboación.

A Xunta, coa convocatoria destas axudas busca apoiar aos concellos na elaboración destes documentos técnicos, tendo en conta que actualmente ningún municipio da demarcación hidrográfica Galicia-Costa conta cun plan aprobado conforme á normativa.

A Lei de garantía de abastecemento de auga, aprobada pola Administración autonómica e que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca.

A seguinte relación mostra os concellos que están a elaborar un plan de emerxencia fronte á seca coa axuda concedida na convocatoria de 2019:

Concello

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre