Inicio Galicia A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de mellora...

A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, ao seu paso pola rúa Escurridía e a Ponte Vella

0

Esta actuación dispón dun investimento de preto de 245.000 euros, no que se inclúe o pagamento dos terreos necesarios para executar esta actuación en Conxo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de mellora da entrada do Camiño Portugués en Santiago, no treito entre a rúa Escurridía e a Ponte Vella, no barrio de Conxo.

O orzamento estimado desta intervención impulsada polo Goberno galego ascende a preto de 245.000 euros, no que se inclúe o pagamento das expropiacións das 8 fincas necesarias para esta actuación.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o levantamento de actas previas no segundo trimestre deste ano, e a licitación das obras nas vindeiras semanas. As obras contan cun prazo de execución de 3 meses, e o obxectivo e telas rematadas neste ano 2020.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/389FV1i A intervención consiste na reordenación do cruce da rúa da Escurridía coa rúa da Ponte da Rocha e a rúa Volta do Castro, mellorando o tránsito e a seguridade dos peregrinos e peóns.

As principais actuacións proxectadas inclúen, a separación clara de espazos exclusivos para peóns do resto do tráfico rodado, a reordenación do cruce da Rúa da Volta do Castro con espazos de uso mixto, e a ordenación renovada e humanización das seccións viarias existentes. Tamén a definición de elementos como pavimentación ou mobiliario.

Ao longo de toda a actuación intentarase manter unha sección mínima de ancho suficiente para a separación do tránsito peonil do rodado. Nos casos de non ser posible nalgúns dos treitos, seguirase o criterio de plataforma compartida, reparándose o firme pero sempre dándolle prioridade ao viandante e elevando o nivel das zonas peonís.

Nos treitos onde sexa posible, ampliarase a plataforma, permitindo xerar pequenos espazos de estancia que serán humanizados con elementos de arborado ou mobiliario urbano.

No cruce entre a rúa da Volta do Castro coa rúa da Ponte da Rocha manterase o trazado actual, e executarase un paso elevado en formigón para paso de peóns e peregrinos. Isto farase con ramplas no comezo e final desta zona para controlar a velocidade de circulación dos vehículos na intersección e reforzar a predominancia do peón.

Con esta nova actuación prolongarase cara á ponte da Rocha Vella o ámbito das actuacións que están xa en plena execución en Conxo, e que se corresponde coas obras no núcleo de Torrente, a rúa Benéfica e a praza do Campo de Conxo. Ás que se engadirá o aparcadoiro en superficie situado no contorno do centro de saúde, cuxa obra está xa adxudicada, e que se iniciará de xeito inminente.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre