Inicio Galicia A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de construción dunha...

A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de construción dunha glorieta na estrada AC-550 en xuño, en Porto do Son, para mellorar a seguridade viaria na contorna

0

Esta actuación dispón dun investimento de case 310.000 euros e un prazo de execución de 3 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción dunha glorieta na estrada AC-550, en Xuño, no concello de Porto do Son, para mellorar a seguridade viaria na contorna.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/2JlzQZ1Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de tres meses, conta cun orzamento autonómico de case 310.000 euros, incluídas as expropiacións necesarias. O obxectivo deste proxecto é mellorar a seguridade viaria no punto quilométrico 98 +340 da estrada AC-550, en Xuño, nunha intersección nas proximidades da vía da igrexa de Santa Mariña e da estrada da praia das Furnas.

Para iso, construirase unha glorieta dun diámetro de 28 metros, buscando unha ruptura no comportamento dos condutores entre a zona urbana e a interurbana e que deste modo moderen a súa velocidade.

Os principais traballos consistirán na execución desta rotonda, con catro vías que concorren nela. Estas vías que acceden á glorieta contan cun ancho de 3,50 m por carril, salvo o que dá acceso á praia das Furnas, en que se adoptou o ancho actual de 2,50 m.

O proxecto mantén os aparcadoiros existentes na zona a reordenar, tanto na marxe dereita como na esquerda, pero serán adaptados ao novo trazado da glorieta.

A estrada AC-550, ao seu paso pola zona da actuación discorre por travesía, conta con beirarrúas pola marxe dereita ao longo de toda a lonxitude e pola esquerda a partir da intersección. Para favorecer a permeabilidade do tránsito peonil, implantarase un paso de peóns en dirección a Ribeira a unha distancia de 35 metros da glorieta.

As actuacións inclúen a reposición do firme, a sinalización, tanto horizontal coma vertical, e as defensas que é necesario colocar tras a execución das obras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre