Inicio Galicia A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de acondicionamento da...

A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de acondicionamento da estrada que une Valdoviño e Cedeira

0

Esta intervención dispón dun orzamento que ascende a máis de 4,6 millóns de euros, nos que se inclúe as expropiacións dos 136 predios necesarios para intervir en preto de 4 quilómetros da estrada autonómica AC-566

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción de acondicionamento da estrada de Cedeira, ao seu paso polo concello de Valdoviño.

O orzamento estimado desta intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta ascende a máis de 4,6 millóns de euros, no cal se inclúe o pagamento das expropiacións dos 136 predios necesarios para esta actuación. A consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o levantamento de actas previas e a licitación das obras no segundo trimestre de 2020.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/39eoCNX Trátase da reformulación do proxecto de acondicionamento de preto de catro quilómetros da estrada AC-566, no treito Valdoviño-Cedeira, entre os puntos quilométricos 13+100 e 17+070.

A intervención iníciase no punto quilométrico 13+100, unha vez superado o núcleo de Valdoviño, e ao longo dos dous primeiros quilómetros prevese realizar unha mellora do trazado existente.

Para iso, incrementarase a plataforma mediante a inclusión de carrís adicionais para adiantamento seguro entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+810 en sentido directo e dos puntos quilométricos 1+150 ao 1+625 en sentido inverso.

Entre os puntos quilométricos 1+919 e 2+535 mantense o trazado existente coa finalidade de minimizar as afeccións á canteira e á valgada que conforma este subtreito. Tamén se rectificará a curva existente a carón da canteira sita no punto quilométrico 1+800.

As obras continuarán entre os puntos quilométricos 2+535 e 3+635, onde se acometerá unha mellora do trazado mediante a rectificación das curvas existentes a ampliación de raios a un valor mínimo de 130 metros. Tamén se engadirá un carril adicional en sentido inverso entre os puntos quilométricos 2+900 e 3+600.

A continuación, ata o punto quilométrico 3+970 mantense o trazado actual, xa que nesta zona existen numerosas edificacións en ambas as marxes do treito.

Deste xeito, as actuacións proxectadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirán o ensanche e reforzo de firme da estrada actualmente existente nun total de 2,11 km, así como a rectificación de curvas e o aumento da sección con carril adicional de circulación de 1,86 km da vía.

Finalmente, instalaranse refuxios novos nas paraxes de autobús. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre