Inicio Galicia A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol...

A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Abegondo do dominio público da senda executada na estrada AC-542, en Nogueiras

0

A Consellería de Infraestruturas executou unha senda nesta estrada e o Concello comprometeuse a asumir a titularidade de todo o dominio público deste tramo unha vez rematadas as obras

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a prol do Concello de Abegondo do dominio público da senda executada na estrada AC-542, ao seu paso por Nogueiras.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/mbj6s A Xunta e o Concello de Abegondo asinaron en xaneiro de 2019 un convenio polo que o departamento de Infraestruturas se comprometía a executar a senda e o municipio a asumir a titularidade do dominio público viario no treito onde se acometería a actuación.

Esta fórmula de colaboración permitiu a execución da senda sen necesidade de acudir a un procedemento expropiatorio, de modo que a actuación se realizou parcialmente en dominio público e noutra parte en terreos cedidos por particulares e xestionados polo Concello de Abegondo.

As obras executáronse entre abril e xuño de 2019, construíndose unha senda na marxe esquerda da AC-542, no lugar de Nogueiras, cunha lonxitude de 390 metros.

Unha vez rematadas as obras, e en cumprimento do previsto no convenio, os servizos competentes da Axencia Galega de Infraestruturas informaron favorablemente a transferencia, que foi autorizada polo Consello da Xunta.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade do Dominio Público das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais.

Coa transferencia, o Concello será o responsable das tarefas de conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta zona de modo acorde coas súas características, non sendo xa de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas.

O decreto publicado hoxe producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre