Inicio Galicia A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia axudas por importe...

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia axudas por importe de 300.000 euros para a instalación de pantallas protectoras nos taxis para fomentar unha mobilidade segura

0

Estes incentivos subvencionarán o custo deste elemento de protección, excluído o IVE, ata 75 euros por anteparo e vehículo

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde de axudas, por importe de 300.000 euros, para a instalación de anteparos ou pantallas protectoras nos taxis e vehículos de turismo con condutor (VTC) como medida para fomentar unha mobilidade segura. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, mantiveron esta mañá un encontro de traballo con taxistas do municipio pontevedrés, no que abordaron a orde de axudas, a contía e as condicións para poder acceder a estes incentivos. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa á orde: https://bit.ly/2zlW9JhSegundo lle trasladou a conselleira aos profesionais do taxi, o obxectivo desa orde é fomentar e apoiar ao sector na instalación de pantallas protectoras ou anteparos nos vehículos dedicados ás actividades de taxi e VTC como medida de prevención para os profesionais e os usuarios fronte á covid-19. Estes incentivos subvencionarán o custo deste elemento de protección (excluído o IVE) ata 75 euros por anteparo e vehículo. Cando se solicite a axuda, o dispositivo debe estar xa instalado, sendo subvencionables os anteparos que se adquiran e se instalen entre o 1 de marzo e o 31 de xullo. Xunto á correspondente solicitude, os interesados deberán achegar a copia da factura ou o xustificante de pagamento por transferencia ou mediante tarxeta bancaria. Poden acceder a estas axudas os titulares de taxis ou de VTC domiciliadas en Galicia e estímase que cubran practicamente ao 100% do sector, permitindo financiar preto de 4.000 anteparos.

Como consecuencia da emerxencia sanitaria pola covid-19, en colaboración co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), desde a Xunta impulsouse unha guía de recomendacións básicas e medidas de hixiene e protección da saúde no sector do taxi para protexerse fronte ao coronavirus. Agora, cando comezan a incrementarse os movementos da xente, tamén se está a promover unha mobilidade segura en taxi, para que os cidadáns sigan empregando este servizo público nos seus desprazamentos con toda seguridade, seguindo as medidas de prevención e protección establecidas como o uso de máscaras, o uso preferente de tarxeta para o pagamento ou deixando libre o asento do copiloto. En canto á ocupación de prazas nos taxis, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a Xunta demandou ante o Ministerio de Transportes que se permitise a ocupación de todas as prazas do vehículo, agás a contigua ao condutor, cando os usuarios que utilicen o taxi convivan no mesmo domicilio. Ademais, unha vez que xa se teñen eliminado as restricións para a ocupación de asentos nos autobuses, estase a traballar en medidas de flexibilización para a ocupación das prazas nos taxis.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre