Inicio Galicia A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a extensión da...

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a extensión da tarxeta Xente Nova a toda a provincia de Ourense e á área de Pontevedra desde o vindeiro luns, 15 de xuño

0

Con este dispositivo os menores de 21 anos poderán viaxar de balde no transporte público dependente da Xunta


O Diario Oficial de Galicia de hoxe recolle o acordo da Dirección Xeral de Mobilidade polo que se establece a expansión territorial da tarxeta Xente Nova no transporte público dependente da Xunta a toda a provincia de Ourense e á área de Pontevedra. Esta medida será de aplicación desde o vindeiro luns, 15 de xuño, se ben desde este mércores, día 10, comezou a emitirse a tarxeta Xente Nova, que permite que os menores de 21 anos poidan viaxar gratis no transporte público dependente da Xunta.

Concretamente, este dispositivo implantarase nos 92 concellos da provincia de Ourense e en 13 da área de Pontevedra: Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Sanxenxo, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama.

O comezo desta medida estaba previsto para mediados de marzo, pero tivo que adiarse pola declaración do estado de alarma e a emerxencia sanitaria pola covid-19. Reactívase agora que a situación epidemiolóxica o permite, de forma coherente coa paulatina recuperación do transporte público.

Desde o 10 de xuño, 24 oficinas de Abanca de 19 concellos da provincia de Ourense e 25 oficinas de 11 concellos da área de Pontevedra comezaron a emisión das tarxetas, baixo cita previa, dadas as restricións de aforo nas entidades e a necesidade de manter a distancia social. Para solicitar a tarxeta Xente Nova, os menores de idade deben ir acompañados dun dos seus proxenitores.

Este dispositivo funciona a modo de tarxeta monedeiro, polo que non precisa ter unha conta asociada. Debe ter un saldo inicial para empezar a empregarse e, posteriormente, irá reembolsándose cada 15 días o importe das viaxes realizadas, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.

Estímase que uns 5.200 mozos menores de 21 anos da provincia de Ourense e arredor de 6.500 da área de Pontevedra empreguen a tarxeta Xente Nova que fomenta unha mobilidade gratuíta no transporte dependente da Xunta, sostible e segura, de pago sen contacto.

Para facilitar o pago seguro e evitar contaxios, os maiores de 21 anos da provincia de Ourense e dos 13 concellos da área de Pontevedra tamén poderán empregar a tarxeta TMG. Ao igual que a Xente Nova, pódese solicitar desde o día 10 nas oficinas habilitadas e comezar a empregala desde o 15 de xuño.

A utilización das tarxetas Xente Nova e TMG abranguerá o conxunto de concesións de transporte público da Xunta que atenden os tráficos nestes ámbitos territoriais, se ben a posibilidade efectiva de empregala estará condicionada á dispoñibilidade de máquinas canceladoras no conxunto de vehículos adscritos a cada concesión. Naquelas liñas que non dispoñan no momento inicial dos sistemas de pago necesarios, por tratase concesións antigas que non están obrigadas a dispoñer deses mecanismos, estas poderán adherirse cando dispoñan de canceladoras necesarias, ofrecéndose información das datas nas que incorporen as ditas canceladoras a través da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade e en bus.gal.

Listado de oficinas nas que se pode solicitar a tarxeta Xente Nova e TMG.   Ourense

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre