Inicio Galicia A Xunta publica as normas e protocolos que deberán cumprir os mercados...

A Xunta publica as normas e protocolos que deberán cumprir os mercados de gando que poden volver celebrarse dende mañá

0

O DOG establece as instrucións pertinentes da Consellería do Medio Rural, despois de que o Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria acordase levantar a suspensión deste tipo de feiras


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que levanta a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos concellos.

A Consellería do Medio Rural establece as instrucións pertinentes despois de que o Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria acordase o levantamento da suspensión de celebración deste tipo de feiras, tendo en conta a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional en aplicación da fase 1 do Plan de desescalada, que levou á reapertura en Galicia dos establecementos comerciais minoristas ou dos mercados ao aire libre.

Así, nos mercados gandeiros que se celebren durante o estado de alarma só poderán participar as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte. Para acreditarse, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné, os transportistas a autorización administrativa pertinente, e os gandeiros o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade. A estes efectos, a entidade organizadora da feira deberá realizar un control na entrada principal do recinto, no horario que se estableza, non permitíndose o acceso ás instalacións con posterioridade a ese horario.

Para evitar a confluencia de persoas, a resolución fixa que as operacións de carga e descarga de gando se deberán realizar de xeito gradual e que a entrada ás dependencias veterinarias se levará a cabo de forma individual. A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os Servizos Veterinarios Oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios.

A maiores, todos os usuarios do recinto deberán portar máscara e manter unha distancia interpersoal de aproximadamente dous metros. Nas zonas de acceso e naquelas con maior presenza de persoas, a entidade organizadora colocará ademais dispensadores de solución hidroalcólica a disposición dos participantes no mercado, así como xabón e toallas desbotables nos aseos.

Requisitos para os recintosSempre que sexa posible, para facer efectivas as transaccións comerciais habilitarase unha zona con mesas dotadas de mamparas ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores. Tamén se instalarán na zona de atención aos usuarios da oficina veterinaria, para realizar a entrega e recollida de documentación do xeito máis aséptico posible.

De existir posibilidade estrutural nas dependencias, habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para os usuarios, de xeito que non exista cruzamento de persoas. Se no mercado houbera edificio administrativo, a entidade organizadora regulará o seu aforo e nas zonas de maior confluencia mesmo definirá sentidos de circulación, diferenciando ambos sentidos mediante elementos ben visibles.

Na medida do posible, e sempre que non afecte ao benestar dos animais, durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas, para favorecer a ventilación e evitar o contacto reiterado das persoas con manetas ou pomos. Unha vez finalizado, a entidade organizadora procederá a limpar todas as instalacións, con especial atención ás superficies de contacto frecuente, como os pomos das portas, mobiliario, pasamáns, chans ou billas, así como os amarres, gaiolas e restantes instalacións para albergar o gando. Para a desinfección, utilizaranse dilucións de lixivia ou calquera outro composto virucida autorizado e rexistrado polo Ministerio de Sanidade. Tras a limpeza, eliminaranse de xeito seguro tanto os materiais e equipos de protección individual utilizados como os residuos xerados.

As entidades organizadoras que desexen celebrar mercados gandeiros durante o estado de alarma poden comunicalo dende mañá aos servizos provinciais correspondentes, sinalando as datas de celebración co obxecto de poder organizar a prestación dos correspondentes servizos veterinarios.

A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias poderá suspender a celebración das feiras se considera que non se garanten as medidas sanitarias axeitadas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre