Inicio Galicia A Xunta prorrogará os recoñecementos DGAN vixentes e avanza en "alternativas de...

A Xunta prorrogará os recoñecementos DGAN vixentes e avanza en "alternativas de adestramento para os deportistas"

0

A tramitación do primeiro pagamento dos convenios de colaboración para a actividade federativa de 2020 será executada “no menor tempo posible” e se está a desenvolver “con normalidade”


A Secretaría Xeral para o Deporte, no nome do seu titular, José Ramón Lete Lasa, vén de enviar un comunicado aos presidentes e presidentas das 58 federacións deportivas galegas para continuar traballando de cara a atopar solucións que minimicen os prexuízos que o confinamento decretado tras a declaración do estado de alarma por mor do coronavirus poida ocasionar no desenvolvemento da actividade deportiva autonómica. Neste sentido, o secretario xeral fixo un chamamento á “coordinación con todo o tecido deportivo, nomeadamente coas federacións deportivas galegas”.

Dentro das actuacións mais inmediatas que a Secretaría Xeral para o Deporte está a abordar dende distintos ámbitos destacan as relativas aos convenios de colaboración para a actividade federativa do exercicio 2020. Un aspecto perante o que o secretario xeral transmitiu “tranquilidade” xa que a tramitación do primeiro pagamento será executada “no menor tempo posible” e se está a desenvolver “con normalidade”. Neste sentido, a Secretaría Xeral estudará “as eventuais modificacións dos termos da colaboración subscrita con cada unha das federacións, nas condicións e segundo o procedemento contemplado no propio convenio”, dada a excepcionalidade da situación que nos afecta. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de ofrecer aos técnicos adscritos aos centros como o CGTD, CGV ou Verducido a posibilidade de “establecer alternativas de adestramento para os deportistas mentres as instalacións continúen pechadas” a través dun programa que lideraría a propia Xunta de Galicia.

No tocante á competición oficial autonómica 2019/2020, que deberá ser “redefinida”, o secretario xeral solicitou información ás federacións galegas sobre a actual situación da súa competición así como o seu criterio para solucionar este punto e tratar de acadar a decisión “máis eficaz e menos lesiva para as distintas modalidades”. Respecto aos deportistas de alto nivel, Lete Lasa lembrou que o programa Toquio 2020 e as bolsas DGAN continúan en marcha e, asemade, anunciou que a Xunta xa traballa “nun sistema de prórroga dos actuais recoñecementos vixentes de deportista galego de alto nivel”. O mandatario galego tamén recordou que o seguro deportivo Xogade 6-16 segue “plenamente vixente” a pesar de que a actividade está suspendida.

Coordinación co CSDNa comunicación enviada aos presidentes e presidentas das federacións deportivas galegas, tamén se apuntaron os temas abordados co Consejo Superior de Deportes. Lete Lasa informou que vén de trasladar ao CSD a necesaria coordinación, especialmente no ámbito competicional estatal para que “ningunha medida tomada en Galicia supoñan dano ou menoscabo algún para os intereses do deporte galego”.

Cómpre lembrar que o enderezo electrónico (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal) segue a funcionar para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre