Inicio Galicia A Xunta propón un programa de ocio educativo centrado no teatro e...

A Xunta propón un programa de ocio educativo centrado no teatro e na aventura ao aire libre no campamento xuvenil de Entrimo

0

Entre xullo e agosto desfrutarán deste campamento 300 nenas e nenos de 9 a 13 anos de idade

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, compartiu a mañá de hoxe co centenar de nenas e nenos entre os 9 e os 13 anos de idade que participan na segunda quenda do campamento de verán que ten lugar nas instalacións de Penedos de Xacinto. Un total de 300 nenos e nenas pasarán por este campamento entre xullo e agosto, onde desenvolverán un programa de ocio educativo centrado no teatro e na aventura na natureza.

Durante os dez días que dura a experiencia, realízanse diferentes actividades de teatro, como dinámicas de presentación, introdución á temática teatral, dramatización, expresión corporal, obradoiros de formación técnicas de circo, malabares e equilibrio. O programa inclúe, ademais, a práctica de deportes acuáticos, rocódromo e tirolina, orientación con gps, tiro con arco, xogos activos, piscina, aula da natureza e excursións.

Este campamento forma parte da Campaña de Verán da Xunta de Galicia que chega a preto de 10.000 mozas e mozos e que tamén inclúe programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado. Nestas accións participan mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

NovidadesA programación estival deste ano incorpora tres novos campamentos dos 21 que ofrece: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Este verán tamén se incrementa o número de campos de voluntariado ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre