Inicio Galicia A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano de...

A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, que permitiu xa que 80.000 veciños aforrasen máis de 12 M? nos seus desprazamentos

0

O convenio ten como fin garantir a continuidade do Plan nos vindeiros 4 anos, en condicións similares ás que se veñen aplicando desde a súa implantación en 2011

A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, que permitiu que 80.000 veciños aforrasen máis de 12 millóns de euros nos seus desprazamentos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu hoxe a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Ferrol, na que están integrados 11 concellos e a Xunta.

Neste encontro avaliouse o funcionamento deste plan social, posto en marcha en 2011, e acordouse a súa continuidade nos vindeiros 4 anos, en condicións similares ás que se veñen aplicando desde a súa activación.

Vázquez Mourelle subliñou que entre o 2017 e o 2019 aumentou un 10% o número de viaxes realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, superándose o ano pasado a cifra de 2,65 millóns de viaxes bonificadas.

Indicou que desde a posta en marcha do Plan se rexistraron nesta área máis de 20 millóns de viaxes bonificadas.

Fixo fincapé no acento social deste programa, pois actualmente hai 71.400 veciños da área de Ferrol que empregan a Tarxeta de Transporte Metropolitano (TMG), para realizar os seus desprazamentos, beneficiándose de aforros de ata 1.200 euros ao ano.

Tamén hai máis de 9.600 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús ou no FEVE coa Tarxeta Xente Nova.

Por exemplo, un viaxeiro habitual entre Fene e Ferrol paga, sen TMG, 1,55 euros no autobús interurbano máis 1,55 euros en percorrido urbano, é dicir, un mínimo de 3,10 € no desprazamento de ida e o mesmo no de volta. Isto significa, contando os días laborables, un gasto mensual aproximado de 136 euros, é dicir, 1.636 ao ano.

Se esa persoa paga esas viaxes con TMG, a viaxe desde Fene custaralle 0,88 euros e o traxecto urbano será gratis. Así, o gasto ao mes pasa a 33€ (tendo en conta o desconto por usuario recorrente) e o gasto anual baixa ata arredor de 396€, o que nos sitúa ante un aforro de case 1.240 euros ao ano en viaxes en autobús.

Estes beneficios son posibles grazas a unha achega económica que soporta de forma maioritaria a Xunta, que financia practicamente o 85% do Plan, fronte ao 15% que se reparte entre os 11 concellos.

Melloras nos servizosA conselleira avanzou que a culminación da transformación completa do mapa de transportes, a finais de ano, suporá novas vantaxes para os veciños da área de transporte de Ferrol.

Detallou que se renovaron os contratos de longa distancia que comunican Ferrol coas cidades da Coruña, Lugo ou Santiago, o que suporá importantes descontos nos billetes.

Sinalou que este plan posibilitará a implantación o vindeiro ano da Tarxeta Xente Nova para que os menores de 21 anos viaxen gratis en todas as liñas.

Puxo en valor a aposta da Xunta polo transporte público, que é esencial para facilitar o acceso da poboación á educación, á sanidade pública ou aos centros de traballo. Para isto, o Goberno galego mobilizará 74 millóns de euros ao ano, na vindeira década, para garantir o funcionamento do transporte público.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre